O goberno reitera na Xunta a necesidade de derrubar o edificio que da rúa Sol que tapona o río e de levar auga á costa

Información
18 Febrero 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image
Imaxe de arquivo de inundacións na Ponte                                                                                                                                                                                            

Imaxe de arquivo de inundacións na Ponte

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación, Seguridade e Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, mantiveron hoxe en Santiago unha entrevista cos responsables de Augas de Galicia. A xuntanza, solicitada polo Concello de Carballo dende antes das eleccións galegas, incluíu vellas demandas e cuestións máis recentes, como o Real Decreto 638/2016, de 9 de decembro, polo que se modifican os regulamentos en materia de xestión de riscos de inundación, caudais ecolóxicos, reservas hidrolóxicas e vertidos de augas residuais. O goberno carballés quere saber que interpretación vai facer o departamento autonómico, dada a repercusión que pode ter nunha vila Carballo, atravesada polo río Anllóns, e nese sentido fíxolle chegar a Augas de Galicia un estudo realizado sobre a afectación das avenidas centenarias e ofreceulle a colaboración precisa para que o impacto sobre a veciñanza sexa o menor posible.

En canto ás débedas pendentes da Administración galega con Carballo en materia de augas, Evencio Ferrero e Milagros Lantes volveron a reclamar que a Xunta asuma o seu compromiso sobre o derrubo do edificio da rúa do Sol que tapona o río, e que o Concello adquiriu, precisamente, para seguir eliminando obstáculos da canle. “Sería unha actuación exemplar, das que debería gustarlle facer a calquera goberno da Xunta, porque supón liberar o río”, apuntou o alcalde, ademais de expresar a disposición do Concello de Carballo a colaborar con Augas de Galicia no financiamento da obra de demolición.

Na mesma liña, o goberno carballés lembrou aos responsables de Augas de Galicia que nos orzamentos da Xunta do ano 2009 figuraba un investimento para levar a auga á zona de Baldaio que nunca se materializou. O alcalde e a concelleira insistiron na necesidade de acometer esa obra de abastecemento. “Agora que hai plans de financiamento para ese tipo de actuacións, que a Xunta actúe, e máis sendo consciente do gran esforzo que está a facer o Concello de Carballo, o ano pasado coa posta en marcha da captación do Bardoso, e este ano co ciclo integral da auga”, sinalou Evencio Ferrero. O alcalde apelou á “sensibilidade” do Goberno da Xunta e pediu que, xa que Augas de Galicia recada integramente o canon da auga e do saneamento que pagan os/as carballeses/as nos seus recibos, faga algo para completar o esforzo municipal”.