Un inclusivo mar de velas despide o Encontro de Combarro

Información
02 Julio 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

Por cuarto día consecutivo, a flota tradicional soltou amarras este domingo para gozar dunha soleada e prácida xornada

de navegación. Foi a derradeira das múltiples sesións náuticas realizadas nos últimos catro días.

Unha saída que

tivo como convidados especiais a tres dos mozos invidentes que ao longo do último ano participaron no proxecto “Sentir

o mar”; desenvolvido co obxectivo de romper barreiras e divulgar a experiencia da navegación tradicional. Foi, iso si,

unha xornada de gosto agridoce; na que tocou despedir ás tripulacións das máis de 120 embarcacións que participaron

neste XIII Encontro. Para as tripulacións de todas elas; así como para os distintos colectivos que desinteresadamente

achegaron o seu traballo á organización deste Encontro; e para os que colaboraron activamente divulgando a cultura

maritima e fluvial dende o Pavillón do Patrimonio da Chousa; houbo agasallos conmemorativos, que foron repartidos

durante o xantar na Carpa Mariñeira.

Despois de catro intensos días, o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia toca á súa fin. Pero non foi

triste esta despedida de Combarro. Moi pola contra, o domingo amenceu soleado e cun mar calmo moi acaído para a

navegación prácida e sen sobresaltos que moitos xa precisaban despois de tres intensas xornadas. Unhas condicións

das que gozaron especialmente os mozos que, grazas á colaboración entre Culturmar, a Once; e a Universidade de

Vigo; puideron descubrir, ao longo do último ano, outro xeito de “sentir o mar”.

Pero, mentres a ría de Pontevedra era surcada por un mar de velas; en terra continuaba o ir e vir; grazas ao bo número

de actividades culturais que foron sucedéndose.

A poesía, inmellorable complemento para a cultura marítima tradicional

Cabe destacar o papel protagonista que a poesía tivo nesta edición do Encontro. E, máis intensamente, durante a

fin de semana. E é que, entre o sábado e o domingo polos espazos da celebración mariñeira pasaron arredor dunha

decena de autores (as máis delas, autoras), que cos seus recitais achegaron ao público en terra a lírica do mar. O

sábado á tarde Marta Dacosta, Lara Dopazo, Míriam Ferradás e Arancha Nogueira fixeron da pintoresca Praza de San

Roque un idóneo escenario para a poesía; cun recital que congregou a un bo número de afeccionados. Case de xeito

simultáneo, na carpa da Chousa Xosé Iglesias presentaba, ramén recitando, o seu poemario “A relixión do mar”. Xa o

domingo á mañá, Silvia Penas foi a protagonista grazas ao seu recital “Cintaadhesiva”. Un impresionante espectáculo

musicado, co acompañamento de Jesús Andrés Tejada; que a pesar da intensa calor soubo enganchar a todos cantos

por alí pasaron.

Tamén quedou tempo nesta última xornada do Encontro para a presentación dunha nova obra editorial. Neste caso

tratouse do libro “Pegadas da industrialización en Galicia: a enseada de San Simón”. Un traballo de Manuel de Lara,

da Asociación do Patrimonio Industrial de Galicia BUXA ao que seguiu un concerto da Escola de Acordeóns de Poio.

Xa pola tarde, a última nota musical puxérona as formacións corais Virxe de Fátima, Virxe de Renda e a Coral de Poio;

que protagonizaron o último concerto dun Encontro que deixa para a lembranza vistosas estampas e unha chea de

iniciativas que, sen dúbida, contribuirán a continuar espallando e poñendo en valor o vasto patrimonio marítimo e fluvial

galego.

Sentir o mar

A navegación para persoas cegas realizada este domingo é só unha pequena parte dun amplo proxecto que foi desenvolvéndose

ao longo de sucesivos meses. Un proxecto que permitiu a mozos invidentes gozar da experiencia da navegación

tradicional; ao tempo que achegaba os xeitos de percibir destes mozos ao estudantado de primaria dos colexios

Praza de Barcelos, de Pontevedra, Isidora Riestra, de Poio; e San Narciso de Marín; que aprenderon a superar prexuízos

e a normalizar a diversidade funcional experimentando por si mesmos actividades do día a día privados de visión.

Empregando gafas escurecidas para simular os distintos tipos de cegueira, os escolares afrontaron xogos e tarefas

cotiás privados da visión. Algo que lles axudou a superar problemas de frustración; e tamén a interiorizar con normalidade

as diferenzas.