A Festa do Marisco remata cos mellores resultados dos últimos dez anos e sen o apoio do PPdeG na Xunta de Galicia

Información
17 Octubre 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

A LIV Festa do Marisco pechouse na noite onte nunha edición que se pode cualificar de "histórica". Os datos de venda, de visitas pero, sobre todo, de calidade do produto servido durante os dez días de celebración sitúan ao Grove en cifras de 2007, cando en once días se tiñan unha cifra levemente superior á obtida este ano. A grande aposta realizada pola mellora da calidade do produto - recollido en exclusiva nas rías galegas – na limpeza e coidado do recinto, e na programación musical e cultural ao redor do evento teñen confirmado ser a mellor estratexia para que a festa gastronómica máis importante de España se teña revitalizado.

 

O mellor balance está nos milleiros de visitantes que se teñen achegado ata O Grove e que a través do escaparate da Festa do Marisco puideron coñecer un destino turístico de máximo nivel e calidade, ademais de entender doutro xeito a realidade do marisco e os produtos da nosa Ría. A ocupación hoteleira constatou o éxito da Festa ao igual que a diversidade de idades e orixes dos visitantes que se achegaron a ela. É especialmente destacable que un dos obxectivos marcados polo goberno local estaba en reducir a idade dos visitantes á Festa, feito que se ten conseguido en tan só dúas edicións. Dende outro punto de vista tense traballado en aumentar a presencia de turistas internacionais e incidir no cumprimento dos requisitos para a obtención do selo de Festa de Interese Turístico Internacional, feitos ambos nos que esta LIV Festa permitiu marcar grandes avances.

No lado negativo un ano mais confírmase a falta de apoio da Xunta de Galicia ao evento turístico máis importante da comunidade sendo, segundo se recoñece dende o ente autonómico, o "fundamental elemento desestacionalizador" deste mes de outubro. A pesares disto as autoridades autonómicas non realizaron ningún tipo de achegamento á Festa, asistindo sen embargo a actividades organizadas por colectivos privados. A este grave feito súmase a ausencia de apoio económico da Xunta, limitándose este a unha liña de axudas (outorgada a todas as Festas de Interese Turístico de Galicia) para realizar a presentación internacional da Festa. Restando esta pequena aportación e a axuda prestada pola Deputación de Pontevedra, os gastos desta Festa son asumidos practicamente en solitario polas arcas municipais do Grove. E todo isto sendo un evento que permite que funcione todo o sector turístico de Galicia polo que o Concello do Grove reclama que Xunta de Galicia realice un apoio claro e directo á Festa do Marisco do Grove e entenda a importancia deste evento histórico para todo o sector.

 

?