O Consello Local da Muller defende ás mariscadoras de Carril contra a “arbitrariedade” do patrón maior

Información
28 Abril 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image


O Consello Local da Muller vén de posicionarse a favor das mariscadoras de Carril no conflito existente dende hai meses entre o patrón maior da Confraría, José Luis Villanueva e o colectivo de a pé. O órgano no que están representadas todas as asociación de mulleres do Concello mantivo a semana pasada unha reunión extraordinaria para abordar o asunto na que, ademais de manifestar o seu apoio ás mariscadoras, decidiuse remitir sendas cartas ás consellerías de Igualdade e do Mar onde lles expoñen a “arbitrariedade” do patrón maior e nas que demandan a mediación de Igualdade e maior contundencia a Mar á hora de adoptar e facer cumprir as medidas necesarias para poñer fin ao conflito.

 

25.04.2018.- Nas cartas que o Consello Local remite a ambas consellerías da Xunta de Galicia recóllense as explicacións que as propias mariscadoras expuxeron ante o organismo na xuntanza celebrada o 11 de abril. Segundo declararon as afectadas, o patrón “mantén unha actitude de acoso e abuso de poder no exercicio das súas funcións”, engadindo que esa actitude “se expresa de forma moi marcada coas mulleres”, xa que as diverxencias cos homes “nunca alcanzan o nivel de conflito que coas mariscadoras”.

Tras enumerar odas as decisión adoptadas por Villanueva en contra da agrupación de mariscadoras, o Consello e apunta que “ao noso modo de ver, algunhas decisións do patrón maior parecen obedecer de maneira moi clara, si se observan cronoloxicamente, a un afán disuasorio ou directamente castigo ante o exercicio da crítica, da discrepancia ou mesmo da denuncia por parte destas mulleres. De feito, tal como elas prognosticaron, foilles anulado o día de traballo posterior á reunión con este consello local”.

Vulneración de dereitos “por razón de sexo”

Para o Consello Local o “continuado comportamento obscurantista, obstaculizador e belixerante que se exerce de maneira continuada contra a agrupación de mariscadoras dificultando a súa actividade laboral cotiá, o seu dereito á información e os seu dereito á representación garda relación con que a gran maioría das compoñentes da agrupación son mulleres (…) o que supón unha grave discriminación e vulneración destes dereitos por razón de sexo”.
Co obxecto de instar ás consellerías a que atendan as peticións do Consello, o órgano lembra ademais que o continuado e diario conflito “está a afectar á saúde destas mulleres, moitas delas con tratamentos médicos para combater a ansiedade”.