Fracasa a tentativa de Navantia de criminalizar a loita dos/as traballadores/as das auxiliares

Información
02 Mayo 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image

Evidénciase que o obxectivo da empresa non era a declaración de folga ilegal senón amedrentar e desmobilizar o persoal

Este venres coñecíase a sentenza pola demanda que Navantia interpuxo contra a CIG e o comité de folga a raíz do conflito que o persoal das auxiliares levou adiante o pasado ano contra a precariedade e pola recuperación dos dereitos laborais e salariais. A resolución desestima a demanda pola falta de lexitimación activa de Navantia para iniciar un proceso de declaración ilegal dunha folga que non afectaba ao seu persoal e que, ademais, non foi impugnada polas empresas nas que si foi convocado o paro indefinido.

Fica demostrado que, tal e como defendeu a CIG, a demanda carecía de fundamento legal, quedando en evidencia que o verdadeiro obxectivo de Navantia non era conseguir a declaración de folga ilegal ou abusiva, senón amedrentar, desactivar e coaccionar aos traballadores e traballadoras que de xeito masivo e exemplar estaban a secundar a folga en defensa dos seus dereitos.

"Non nos van amedrentar"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que "Navantia debería pedir perdón polo seu burdo intento de deslexitimar a CIG e criminalizar o dereito á folga, pero tamén pola manipulación que fixo dos motivos que levaron á convocatoria e a terxiversación da resposta exemplar dos traballadores/as da industria auxiliar". Non cómpre esquecer que dende o inicio do conflito, Navantia, en vez de promover solucións, mantivo unha postura moi belixerante contra o persoal das subcontratas -e a CIG como organización sindical convocante-, procurando deslexitimar as súas demandas e boicotear a folga con todos os medios a súa disposición.

Carril subliña que a CIG non se vai amedrentar con este tipo de actuacións, "aínda que proveñan de empresas tan poderosas como Navantia", cando o que está en discusión é a defensa dos dereitos e acabar coa precariedade e a pobreza laboral. "Navantia ten que ter claro que seguiremos convocando as folgas que sexan necesarias ante a precariedade e o retroceso da condicións de traballo que padece o persoal das industrias auxiliares".

En igual sentido manifestábase o secretario nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, lembrando que, no propio día do xuízo, a central xa advertiu que, con independencia do resultado deste procedemento, "a CIG non vai abandonar a súa acción sindical, nin nos imos atemorizar".

Destaca Bouzas Aboi que a folga foi completamente legal e que a CIG estaba lexitimada polas diferentes asembleas de traballadores/as. "A folga é a ferramenta fundamental que como clase traballadora temos para defender os nosos dereitos e Navantia tomou a decisión de demandar como unha medida de forza para rematar co conflito nas auxiliares, coartar a liberdade sindical e amedrentar ao persoal para que deixaran de secundar a folga".

Falta de lexitimación

A sentenza estima as tres excepcións alegadas pola CIG: falta de lexitimación activa de Navantia para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada e seguida por persoal que non é o seu propio; falta de lexitimación pasiva dos membros do comité de folga para ser parte nun procedemento de carácter colectivo (que ademais non persegue a solución do conflito); e falta de adecuación do procedemento.

Non entra, polo tanto, a valorar o contido da demanda, mais si deixa constancia no relato de feitos probados de que os piquetes, fronte ao defendido por Navantia, actuaron sen violencia. Algo que a resolución considera se desprende incluso da proba achegada pala propia Navantia (vídeos, testemuñas, etc.), o que abunda na falta de fundamentos da demanda.

A CIG condena que unha empresa pública como Navantia utilice a xustiza para tentar restrinxir o dereito dos traballadores e traballadoras a reivindicar non xa melloras salariais e laborais, senón a recuperación dos dereitos roubados durante estes últimos anos. Como non pode ser doutro xeito, a CIG reafirma o seu compromiso na loita pola aplicación do acordos asinados para a industria auxiliar e a súa incorporación nun marco normativo que lle dea efectividade.