Loli Toja, acusou hoxe ao PP de “vetar” unha proposta socialista, debatida na Comisión de Pesca celebrada no Parlamento, para emprazar á Xunta a levar a cabo “de forma urxente” as medidas necesarias para mellorar a seguridade no porto de Laxe

Información
Portada 31 Diciembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

A responsable socialista lamentou o voto en contra do PP a esta iniciativa, a quen acusou de presentar unha emenda coa que “pretendían rebaixar a petición urxente das actuacións a simplemente continuar coa colaboración con Concello e Confraría para tomar medidas”. Sinalou que “dende o noso punto de vista trátase dunha desnaturalización inaceptable da proposta para convertela nun mero brinde ao sol”.

Toja emprazou ao PP a demostrar o alcance do seu compromiso real coa mellora da infraestrutura no inminente debate de emendas aos orzamentos da Xunta apoiando as propostas socialistas con partidas orzamentarias para levar a cabo unhas actuacións imprescindibles no dito peirao.

Advertiu que a día de hoxe o porto “continúa nunha situación de inseguridade” que se torna en “grave risco no caso de mar alporizado”, a pesares de ter comprometido comezar coas actuacións xa en setembro de 2014. Daquela, a Xunta comprometérase a realizar en primeiro lugar a dragaxe do interior do porto, deixando o resto das accións necesarias para unha segunda fase da actuación.

Os socialistas sinalan que a situación actual segue a supor un “grave risco” para os usuarios do peirao, como ten sido denunciado mesmo pola confraría e as autoridades locais. Por iso reclamaban que o goberno galego adopte “de forma urxente” as medidas “que sexan necesarias” para paliar a situación de inseguridade creada e ofrecer aos mariñeiros e ás súas embarcacións “un refuxio fiable e adecuado”.