O encoro de Cecebre vén de converterse no primeiro observatorio ecolóxico da Península Ibérica incluído na rede Gleon de investigación nacional en lagos e encoros.

Información
Portada 20 Enero 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image

Cecebre 009O encoro de Cecebre vén de converterse no primeiro observatorio ecolóxico da Península Ibérica incluído na rede Gleon de investigación nacional en lagos e encoros, grazas á  iniciativa impulsada pola empresa municipal de augas da Coruña Emalcsa en colaboración cos investigadores da spin-off do Campus Terra da USC 3edata e coa UDC.
 


A responsable de I+D da spin-off da USC radicada en Lugo 3edata, a doutora enxeñeira de Montes Carmen Cillero foi a encargada de presentar o novo Gleon Site do encoro de Cecebre na última reunión deste colectivo internacional celebrada na localidade de New Paltz (Nova York), unha sesión na que tamén participou o doutor en Xeoloxía e experto en limnoloxía da UDC Jordi Delgado Martín.
 
Estes dous investigadores desenvolveron o seu traballo dentro dun convenio de colaboración subscrito con Emalcsa e incluído nunha das liñas estratéxicas da recentemente creada Cátedra Emalcsa. Ademais desta actuación, Cillero e Delgado tamén participan en diversos grupos de traballo dentro de Gleon, unha rede ao abeiro da que presentaron un proxecto de investigación orientado á xeración dunha ferramenta de monitorización de ecosistemas acuáticos baseada en teledetección e datos remotos. Este novo dispositivo servirá de soporte para integrar datos de alta frecuencia e imaxes multiespectrais tomadas desde satélites e UAVS.
 
A rede científico técnica Gleon reúne a máis de 600 investigadores de 55 países e conta con máis de 50 observatorios ecolóxicos, repartidos en 34 países e seis continentes. Dentro destas instalacións, Cecebre convértese na primeira situada na Península Ibérica, ao tempo que constitúe a máis meridional en Europa. Estes observatorios (Gleon sites), son sentinelas ecolóxicas clave para o estudo e preservación dos ecosistemas acuáticos na súa dimensión de provedores de usos e servizos esenciais. Dispoñen de equipos para a medida en alta frecuencia (ou seguimento en continuo), de parámetros indicadores da calidade e o estado das masas de auga.
 
Os datos recollidos a través destes observatorios compártense na comunidade científica, para estudar problemáticas ou materias de interese común (secas, eclosión de cianobacterias, presenza de novas especies químicas, efectos da presión antrópica sobre o medio...), identificar procesos de interese local ou global (asociados ao cambio climático, por exemplo) e desenvolver campañas de estudo simultáneo en todo o mundo sobre problemáticas específicas de interese.
 
O encoro de Cecebre intégrase perfectamente nesta rede, pois conta xa cunha dotación instrumental modélica en España. Ademais dos sistemas de control comúns a calquera presa, dispón de sistemas teleoperados automáticos para controlar o  caudal dos ríos Mero e Barcés (que alimentan ao encoro de Cecebre), para o seguimento da calidade da auga en superficie e profundidade do encoro,  para controlar a entrada nas estacións de potabilización de Cañás e A Telva (mediante sondas multiparamétricas) ou para a observación de parámetros meteorolóxicos relevantes.