Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Actualidad
Categoría: Portada

Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Información
Portada 12 Abril 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image

 

Décimo cuarta edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Así o decidiu Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

A Guarda acollerá, do 11 ao 14 de xullo de 2019, a décimo cuarta edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Así o decidiu Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, nunha asamblea na que a candidatura guardesa competía coa promovida desde Ribeira.

 A pesar de salientar a “alta calidade de ambos proxectos”, os colectivos que integran a federación decantáronse, finalmente, polo que impulsan a Asociación Piueiro e o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). Unha proposta que pon en valor o binomio río-mar, e que destaca a importancia da tradición marítimo fluvial común coas poboacións do Alto Miño portugués.
 
Tanto a candidatura da Guarda como a de Ribeira cumprían con todos os requisitos; propuñan abondosas actividades de distinta índole arredor do patrimonio marítimo e fluvial; e contaban cun fortísimo respaldo social e das institucións locais. Porén, Culturmar decantouse por levar a próxima edición do Encontro á Guarda. A razón: tentar “que o evento sirva de pulo para a consolidación dos labores de salvagarda do patrimonio nunha nova comarca; nunha vila de tradición mariñeira e de gran riqueza patrimonial que mestura as culturas do mar e do río”. Asimesmo, a Federación valorou de xeito positivo a “confluencia das ribeiras marítimas do sur de Galicia e do norte de Portugal” no municipio guardés. 

Unicamente catro son as gamelas que, a día de hoxe, quedan activas na Guarda. Revertir esa situación e traballar pola recuperación da mermada flota tradicional é, precisamente, o que se propón Piueiro. Unha asociación de moi recente creación; cuxa iniciativa Culturmar aspira a impulsar ao convertela en anfitriona do vindeiro Encontro. De feito, unhas das pretensións a conquerir antes da celebración da próxima gran festa bianual da cultura marítima e fluvial; é a botadura do volanteiro. Unha embarcación en cuxa recuperación traballa dende finais de 2017 Piueiro.

Como é habitual, o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia ofrecerá un amplo catálogo de actividades culturais e de lecer en mar e en terra. Exposicións, obradoiros, mostras de artesanía, recitais, concertos, proxeccións audiovisuais, charlas, roteiros e visitas guiadas polos lugares de interés patrimonial da zona. Que complementarán ás xornadas de navegación que a organización propón para a lámina de auga marítimo-fluvial guardesa.