Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Actualidad
Categoría: Portada

Exemplar comportamento de bañistas, coas indicacións da CEMMA, permite o rescate dun golfiño varado en Ares

Información
Portada 21 Agosto 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

golf1O que prometía un simple día de mar para, unha familia de turistas náuticos, converteuse nunha aventura de rescate dun golfiño varado.

 

No lugar das praias da Miranda e a Barrosa, unha zona acantilada da costa de Ares, sen acceso dende terra a causa dos cantís de máis de 30 metros de altura, o día era espléndido e o mar estaba calmo. O lugar foi elixido por unha familia para pasar unha boa xornada de verán, polo que, sorteando os baixos, achegáronse coa súa embarcación á costa para dispoñer de augas claras e pouco profundas.

 

 

A súa sorpresa foi atoparse un golfiño varado vivo no areal da Miranda diante do cal había outra embarcación sen facerlle caso á situación nin dar aviso, así que os integrantes desta familia non o pensaron dúas veces e tiráronse á auga para socorrer ao cetáceo. Primeiramente comprobaron o seu estado, trataron de levalo para a auga e unha vez alí chamaron ao 112 para pedir instrucións.

 

Dende hai anos o convenio de colaboración entre o 112 e a CEMMA permite a posta en contacto directa do alertante co teléfono de emerxencias da entidade. Así inmediatamente un técnico da CEMMA respostou á chamada de alerta e pedindo información da situación deu as primeiras instrucións aos bañistas para logo poñerse en contacto coa agrupación de Protección Civil local.

 

A situación era moi difícil: polo inaccesible do lugar, impedindo calquera operación de evacuación, as dificultades para chegar por mar, o tamaño do animal, o ser domingo, a falta de dispoñibilidade de embarcación, a distancia á que estaban as unidades móbiles. Todo inconvintes, mais había unha vantaxe, a dispoñibilidade dos bañistas e a entrega destas persoas desinteresadas que estaban na auga asistindo ao golfiño.

 

Tratábase dun macho de golfiño común adulto, Delphinus delphis, que superaba os dous metros de lonxitude e os cen quilos de peso. A causa do varamento foi probablemente un despiste que levou a que quedara atrapado na baixamar nunha zona rochosa, o que lle provocou lesións epidérmicas comprometendo a súa saúde. Ademais debeu levar máis de seis horas varado.

 

Unha técnica veterinaria e a unidade móbil da CEMMA e saíron da Coruña e do centro de coordinación de Nigrán respectivamente, mentres se continuaban coas instrucións aos bañistas e a Protección civil.

 

O primeiro estabilizar a temperatura do golfiño mediante a súa introdución no mar, acompañalo e facerlle masaxes e movementos para o desentumecimento e a incitación á natación. Logo análise de flotabilidade e finalmente tentativa de reintrodución. Todos estes pasos foron levados escrupulosamente. Era fundamental o factor tempo pois fai falla tempo para que o animal poida reintegrarse no mar, mais non se pode empregar moito para liberalo, Así, tras case dúas horas de asistencia o golfiño foi reintroducido a 500 m da costa por detrás da illa da Miranda nadando con forza para separarse da embarcación.

 

Conscientes das lesións do animal procurouse darlle unha oportunidade. Coa chegada da Unidade móbil da CEMMA púxose en marcha un dispositivo de seguimento por terra para comprobar que non volvía a costa, como así aconteceu. A pesar de todo mantense a alerta por se o golfiño puidera volver varar nas inmediacións da ría.

 

 

Varamentos este verán

 

Este verán está a ser especialmente malo dende o punto de vista dos varamentos, pois dende o mes de xuño lévanse rexistrado un total de 66 casos cando o normal é que descenda o número de casos, cunha media de 30 nos anos anteriores nestes meses. No mar parece primavera, e iso fai que a presenza de cetáceos sexa máis frecuente que noutras ocasións o que aumenta as interaccións coa pesca e a probabilidade de varamentos.

 

 

 

Vinte cinco anos da Rede de Varamentos de Galicia

 

A Rede de Varamentos de Galicia actualmente está baixo responsabilidade da Dirección Xeral de patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, dende 1999 a través dos convenios e servizos que leva a cabo a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA. Actualmente a administración cubre o financiamento relativo aos animais varados vivos da fauna mariña ameazada e nalgúns casos conleva a recuperación nas UCIS especializadas, co compromiso de garantir o funcionamento da rede nos vindeiros anos.

 

A CEMMA é a única entidade ambiental autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

 

 

 

Agradecementos

 

 

 

Agradecer o comportamento dos bañistas e a atención de Protección civil, por suposto ao 112. Logo de diversos casos que teñen saído nos medios de malas prácticas na asistencia aos animas varados, podemos dicir que hai xente concienciada e sensible coa que se pode contar para unha asistencia de urxencia a un golfiño varado, semrpe baixo as instrucións dos especialistas, que cunda o exemplo.

 

 

 

Foto: Esther Pérez