A USC reúne os 22 socios do proxecto AquaTrace, dedicado á identificación xenética de peixes silvestres e cultivados

Información
Acuicultura 27 Enero 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

O grupo Acuigen da USC reúne esta semana en Santiago de Compostela os 22 socios que participan no proxecto ‘ AquaTrace’ no marco da súa terceira reunión anual. Neste consorcio europeo están representados universidades, centros de investigación e entidades e empresas privadas, co interese compartido de desenvolver ferramentas moleculares fiables e rendibles para a identificación da orixe xenética de peixes silvestres e cultivados, así como para a detección de cruce entre as poboacións cultivadas e silvestres.

Este traballo está centrado en tres especies mariñas de especial importancia económica e con actividades en acuicultura en crecemento, tales como son a lubina, a dorada e o rodaballo, ademais doutras dúas especies relacionadas coa pesca deportiva, como o salmón e a troita.

A reunión anual de AquaTrace desenvólvese dende este martes ata o venres 29 de xaneiro no hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, onde se desenvolverán as distintas sesións previstas e entre as que se inclúe unha xornada de presentación de resultados ás industrias e ás administracións. Esta sesión aberta desenvolverase o xoves 28 de xaneiro, en horario de 13.30 a 15.30 horas. As persoas e empresas interesadas en participar deben formalizar previamente a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..

A asemblea do consorcio AquaTrace, un proxecto a través do que se pretende apoiar o desenvolvemento da acuicultura europea de xeito sostible e ecolóxico, inclúe tamén outra sesión aberta a non socios deste proxecto, tal e como é a visita ás instalacións do Clúster da Acuicultura de Galicia (CETGA) no concello coruñés de Ribeira, programada para o venres 29 de xaneiro. As persoas interesadas en participar nesta expedición tamén deben formalizar a súa inscrición no mesmo enderezo de correo electrónico.