Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Acuicultura

OS SOCIALISTAS ACUSAN A FEIJÓO DE PROVOCAR “7 ANOS DE NADA” POLA XESTIÓN DO CONCURSO EÓLICO E A ACUICULTURA

Información
Acuicultura 24 Febrero 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

José Luis Méndez Romeu sinala que “todas aquelas promesas súas ficaron en mentiras e os seus compromisos en fume”

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 16. O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, aproveitou a sesión de control ao presidente para referirse á anulación xudicial do Plan Eólico e á anunciada retirada da Lei de Acuicultura. Sinalou que Feijóo rexistra, nos grandes temas estratéxicos para Galicia, “sete anos de nada, sete anos de baleiro, sete anos de discurso e sete anos de enganos”.

Méndez Romeu engadiu que, sete anos despois, “todas aquelas promesas súas ficaron en mentiras e os seus compromisos en fume”, para lembrar os 6.000 millóns de euros e os 13.000 empregos que se comprometeu a xerar co Plan Eólico. Finalmente, dixo, nin un posto de traballo, nin un euro de investimento, e ningunha instalación nova, pero si o seu aplauso cando Rajoy “liquidou as primas e comprometeu a viabilidade do sector”.

Logo de prometer “crecemento e seguridade”, apuntillou, “tivemos sete anos de erros políticos, chapuza técnica e fracaso económico”. Deixaron a un sector que era punteiro para Galicia na “parálise absoluta, a inseguridade xurídica extrema e o engano aos investidores” e aos cidadáns sufrindo “a frustración, as oportunidades perdidas e novos riscos legais con responsabilidade patrimonial”.

O portavoz socialista utilizou unha coñecida cita histórica atribuída ao presidente estadounidense Abraham Lincoln –podes enganar a algúns todo o tempo ou a moitos pouco tempo, pero non podes enganar a todos todo o tempo- para criticar a actuación de Feijóo tanto co sector eólico como coa acuicultura.

Logo de amosarse “hipercrítico” co plan de acuicultura do goberno presidido por Touriño, e de comprometerse a facer de Galicia unha rexión líder en Europa, dixo, “só puido ofrecer sete anos de papeis e declaracións”. Resumiu que “primeiro autorizou actuacións en lugares prohibidos pola normativa comunitaria, logo aprobaron unha estratexia de acuicultura baleira de contido e agora un proxecto de Lei unanimemente rexeitado”.

Sinalou ao anuncio de retirada do texto para clamar que “abonda de lexislar e promover actuacións en contra dos intereses da xente” e de esixirlle “intentar un mínimo de consenso cos sectores afectados”.

Engadiu que logo de non ter aprobado “nin un metro cadrado para novas explotacións agás a planta de Muros aprobada polo anterior goberno”, o goberno galego pretendía aprobar unha lei de acuicultura obviando ás bateas. Iso a pesares de que Galicia, sinalou, é unha potencia europea no cultivo de mexillón, dando traballo a 4.000 persoas e co 95 por cento da produción do Estado.

Diálogo

O portavoz socialista ironizou coa recente “conversión” do PP á “necesidade de diálogo”, logo de catro anos de maioría absoluta no Estado, de 7 anos de rolo parlamentario en Galicia e de que mesmo onte aprobaran a modificación da Lei do Solo antes de que entrara en vigor e desbotando a “mellora substancial” do texto proposta polos socialistas galegos.

Sinalou que os socialistas galegos “votamos a favor por responsabilidade con Vigo e sabendo que máis pronto que tarde haberá que introducir modificacións legais”. Concluíu que “os sectores produtivos necesitan garantías xurídicas e melloras, pero non leis que non piden e que son caixóns de sastre para tapar a parálise absoluta do seu goberno nos últimos sete anos.

Mesmo recolleu un editorial dun medio de comunicación galego que sinala que “practicamente todo o relevante na economía galega foi vendido ou sofre os estertores da agonía sen que os poderes públicos sexan quén de deter o declive”, en clara alusión ao presidente da Xunta, dixo.