Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Acuicultura

Paolo Ronza aborda na súa tese doutoral, dirixida por Maribel Quiroga, Alberto Pose e Belén Gómez, unha paritose devastadora que mata o 100% dos peixes infectados

Información
Acuicultura 06 Junio 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Paolo Ronza, no centro, cos directores da tese e o membros do tribunal, na Facultade de Veterinaria

A tese de doutoramento titulada ‘Patoxenia da     enteromixosis do rodaballo: interacción parasito-hospedador e resposta inmunitaria’, que vén de presentar o italiano Paolo Ronza na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, trata de responder a algúns dos principais interrogantes que existen sobre esta enfermidade e achega unhas conclusións que poden servir de base cara o deseño de métodos de prevención e control dunha enfermidade de orixe parasitaria que na actualidade se ten convertido nunha das patoloxías máis graves e con maior incidencia no rodaballo.

  

A investigación de doutoramento realizada polo veterinario napolitano Paolo Ronza baixo a dirección das profesores da USC Maribel Quiroga, Alberto Pose e Belén Gómez, é froito da colaboración dos grupos de investigación de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) e de Xenética para a Acuicultura e Conservación dos Recursos Biolóxicos (Acuigen) da Facultade de Veterinaria de Lugo. Este tese amplía así a relación de pescudas ecamiñadas ao estudo das enfermidades do rodaballo que constitúen unha ameaza para a súa produción, así como á implantación de programas de mellora xenética realizadas por estes investigadores da USC nos últimos 20 anos.

  

As conclusións recollidas nesta tese que vén de presentar Paolo Ronza e que opta á mención internacional, constitúen asemade un importante avance no coñecemento da enteromixosis do rodaballo e aportan novos datos sobre as estratexias empregadas polo parasito para invadir o hospedador e os mecanismos fisiopatolóxicos que provocan os signos clínicos e as lesións nos peixes parasitados.

  

O alcance desta investigación é se cabe maior na conxuntura actual, na que a acuicultura é a produción gandeira con maior proxección de futuro en España, constituíndo unha alternativa necesaria para satisfacer a demanda de peixe actual e representando un importante motor de desenvolvemento nas zonas costeiras.

  

Galicia é un dos líderes mundiais en acuicultura grazas ás súas condicións naturais. De feito, respecto da piscicultura mariña, Galicia é a Comunidade Autónoma líder na cría intensiva de rodaballo, cun 99% da produción nacional. O éxito do seu cultivo débese, en gran medida, ao profundo coñecemento científico e tecnolóxico que tivo lugar nestas últimas dúas décadas, para o que resultou primordial a estreita colaboración entre empresas, investigadores e administración. Esta conxuntura propicia que moitos grupos de investigación en Galicia desenvolvan liñas de traballo co obxectivo de dar respostas aos problemas derivados da domesticación desta especie e á optimización do seu ciclo de produción.

  

Tribunal de tese e cualificación
O catedrático da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria Antonio Fernández presidiu o tribunal encargado de avaliar e cualificar a tese de doutoramento presentada por Paolo Ronza e que mereceu a máxima cualificación académica. Jorge Manuel Fernandes de Oliveira, catedrático da Nord University de Noruega; José Manuel Estévez García, profesor titular da Universidade de Vigo; Aurelia Saraiva, profesora da Universidade de Oporto, e a profesora da USC Sonia Vázquez Rodríguez, completan a composición do tribunal.