A CIG-Industria sinala que logo dun anuncio claramente electoralista previo as municipais, cando aínda estaba no aire un contrato para facer catro petroleiros máis dous, agora pásase a dous+dous+dous.“Cun sistema low cost, como denunciaba a CIG hai unhas datas, con prezos de mercado e dependentes tecnolóxicamente de Daewoo –que pon o deseño e os materias- o que vai ter unha repercusión clara nas condicións e os salarios dos traballadores/as”.
Advirte que o tipo de contrato dos+dous+dous parece feito explicitamente para xustificar que na Ría de Ferrol tan só se fagan bloques que posteriormente se montarán en Puerto Real e, matiza que “en todo caso non se aclara que proporción se vai facer na Ría de FERROL” .
Lembra ademais que en xaneiro rematábase o veto a Fene, pero denuncia que “segue en pé de facto”, porque “lamentablemente Fene vai seguir sendo un taller, neste caso de Puerto Real, ou dedicarase a outros nichos de mercado como pode ser a eólica mariña, nicho no que tamén está Puerto Real”.
Polo tanto, e unha vez que se levantou o veto, CIG-Industria considera que “non existe xustificación ninguna para que non se empecen a utilizar as gradas de Fene para o que foron construídas: construción naval”.
Por iso exixe que se monten nas gradas de Fene a metade dos petroleiros. “É unha oportunidade clara de demostrar que hai un compromiso para recuperar un sector estratéxico para Galiza como é o sector naval nesta ría”.