Reunión da Confraría de Pescadores da Ría do Burgo co senador de En Marea José García Buitrón.

Información
Cofradias 22 Enero 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image
Na reunión tratouse sobre a situación do proxecto de dragado da Ría que expón o Ministerio de Fomento.
Nos orzamentos xerais do estado está consignada unicamente unha partida  de 7 millóns de euros para un prazo de catro anos, cando o custo total da obra está orzado en 46,3 M€. Os mariscadores  supoñen que se prevé que o resto  viría de fondos europeos pero non está explicitado no proxecto do Ministerio.
 
Outro asunto que lles preocupa sobremaneira é o feito de que o Ministerio de Fomento estima que o dragado é compatible co marisqueo, en contra do informe do CEDEX.
A Confraría estima que isto é imposible xa que aínda que a auga da  Ría non estea contaminada, ao remover os lodos pola obra, aínda que se faga por zonas, contaminaríase a masa de auga e os moluscos filtradores. Isto implicaría o peche dos bancos de marisqueo e o cesamento da actividade sen ningunha contrapartida para os traballadores.
Ademais ao forzar a trasladar aos traballadores (100 persoas) de parcela en parcela a produtividade baixaría en picado ao ter que concentrarse moitos mariscadores en zonas moi pequenas.
 
Así mesmo expuxeron tamén que dentro dos 110 días de traballo que teñen habitualmente ao ano, en 2015 pararon 3 meses por contaminación de hidrocarburos e 2 meses  por entrada de toxinas na Ría. Nestes peches da Ría debidos a contaminación  os mariscadores non perciben ningunha compensación.
Nos casos de forza maior por entrada de toxinas si teñen dereito a cesamento de actividade que implica a posibilidade de cobrar o paro, pero ponlles trabas ás veces imposibles de cumprir e se chegan a cobrar é a partir do primeiro día do segundo mes seguinte en que se produce o peche da Ría.
Se a entrada da toxina e o peche é nos primeiros días dun mes, non poden cobrar o paro até dous meses despois cos problemas que iso xera a un colectivo tan vulnerable.
 
O senador Buitrón solicitou todas estas informacións e expuxo  desenvolver dúas estratexias en conxunto cos mariscadores:  Desde agora até o dragado e a partir do dragado que se prevé comezar no ano 2017.
Este traballo conxunto comezaríase en breve prazo cando estea despexada a investidura do próximo goberno.
 
Os mariscadores mostraron por último a súa esperanza de que despois de nove anos de loita, até agora infrutuosa por falta de vontade política, empeza a albiscarse unha posible solución para unha contorna natural que podería crear uns 300 novos postos de traballo de marisqueo, máis todos os empregos indirectos no sector turístico, ambiental, deportivo, etc.