Presentación da travesía solidaria a nado ArousaMan

Información
Deportes 22 Julio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

O comité organizador da travesía a nado ArousaMan ‘Manolo O Nacho’ organiza mañá unha rolda de prensa no concello de Ribeira na que presentarán esta actividade, que se celebra na mañá deste sábado 25 de xullo. Na presentación van estar presentes Juan Ramón Martínez, un dos organizadores do evento, e Concha Otero, vicepresidenta de Sarela, que é a entidade beneficiaria da recadación solidaria que se extraia grazas ao evento.

A travesía ArousaMan 'Manolo O Nacho' vai unir a nado O Grove con Ribeira e terá un carácter solidario coas persoas con dano cerebral, especialmente con aquelas que o teñen a causa dun neurinoma. O neurinoma do acústico -ou schwannoma- é un tumor cerebral benigno que afecta a 1 de cada 100.000 persoas ao ano, provocando, nalgunhas delas, un dano cerebral adquirido (DCA).

As asociacións como Sarela existen para dar resposta ás necesidades das persoas con DCA -por neurinoma ou por outras causas, como o ictus ou os traumatismos-. O colectivo organizador de ArousaMan quere recoñecer o traballo da Asociación de Dano Cerebral de Compostela, visibilizar a causa das persoas con DCA e recadar fondos que contribúan ao financiamento da entidade.

Actividade: Rolda de prensa de presentación de ArousaMan

Intervintes: Juan Ramón Martínez (Comité organizador de ArousaMan) e Concha Otero (Vicepresidenta de Sarela)

Lugar: Casa do Concello de Ribeira (Praza do Concello, s/n)

Data: Xoves, 23 de xullo de 2015

Hora: 11:30 hh.