Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Formación

O Colexio de Psicoloxía forma psicólogas/os para a avaliación no ámbito do mergullo

Información
Formación 19 Junio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura, IGAFA, acolle mañá sábado 20 de xuño, nas súas instalacións da Illa de Arousa, a sesión presencial da formación para 25 profesionais para a avaliación psicolóxica no ámbito do exercicio do mergullo profesional que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Este curso conta co apoio da Consellería do Medio Rural e do Mar e é un requisito imprescindible para realizar as avaliacións psicolóxicas de mergulladores/as profesionais. A xornada comezará cun percorrido polas instalacións do IGAFA a cargo de Vicente Varela Parapar, profesor do Ciclo Medio de Técnico en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas que se imparte no centro. Aproveitarase para dar a coñecer os equipamentos que se empregan en traballos subacuáticos, os sistemas de comunicación, etc.; en definitiva, para explicar en que consiste a profesión e as circunstancias nas que esta se desenvolve.

Polas súas particularidades, a actividade de mergulladores/as desenvólvese nun ambiente de traballo único, en diferentes medios subacuáticos (ríos, mares, océanos...) e comprende un amplo abano de especialidades tan diversas como a investigación ou a soldadura. Cando se actúa neste medio, a percepción do espazo e a realización de movementos cambian, e tamén a nosa resposta ante estímulos ou circunstancias. Este contexto conleva un alto nivel de preparación por parte do/a profesional e a necesidade de superar unhas avaliacións específicas.

O psicólogo militar e experto en mergullo profesional Joaquín Colodro Plaza, da Delegación de Defensa na Rexión de Murcia, abordará a psicoloxía do mergullo profesional, así como probas e cuestionarios para realizar as avaliacións e o proceso de elaboración de informes. Esta xornada presencial complétase cun total de 16 horas de teleformación que se veñen realizando desde o 25 de maio e nas que se abordaron cuestións como a normativa referida ao mergullo profesional na nosa Comunidade Autónoma, riscos ou aspectos da avaliación psicolóxica que se ampliarán nesta sesión do sábado.