Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Gente

O lobo mariño recollido o día 4 na praia coruñesa de Bens non superou o seu crítico estado de saúde.

Información
Gente 09 Febrero 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

BENS2Na mañá do xoves día 4 de febreiro, a alerta da policía local da Coruña puxo en marcha á Unidade Móbil de asistencia á fauna mariña da Rede de Varamentos de Galicia, xestionada pola CEMMA. Un exemplar macho de lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) acababa de chegar ao areal da praia de Bens na Coruña.

Unha vez no lugar, os técnicos da Unidade Móbil de Asistencia á Fauna Mariña valoraron o estado de saúde do exemplar e decidiron recollelo para ser atendido na Unidade de Coidados Intensivos do Centro de Coordinación de Varamentos da CEMMA, en Nigrán.

O mesmo xoves ás 17:00 h ingresou o exemplar na UCI de lobos mariños, poñendo en marcha os protocolos para o diagnóstico do estado de saúde e para a aplicación dos tratamentos axeitados. Nun principio detectouse unha grave deshidratación, desnutrición, anorexia e esgotamento extremo. Durante os seguintes días aplicáronse as técnicas de hidratación oral e suepidérmica e comezouse dar alimentación ao animal, mais non respostou axeitadamente. Neste tempo non recuperou actividade nin remontou a situación crítica coa que chegou varar.

Nesta mañá do luns día 8 o seu estado empeorou, caendo as súas constantes vitais e falecendo posteriormente. A pesar dos esforzos dos especialistas BENS non puido remontar o crítico estado co que chegou á costa galega. A necropsia evidenciou todo aquilo que a sintomatoloxía amosaba, o dixestivo absolutamente baleiro, pouca graxa ademais da presenza de dous plásticos pequenos no estómago. Se ben estes non teñen a ver coa causa dos seus problemas, ou da morte, debería facernos reflexionar sorbe o uso e xestión dos residuos.

Tempada de lobos mariños

Aínda permanecemos en tempada de lobos mariños, que vai de novembro a abril, o empeoramento das condicións mariñas acrecenta a posibilidade de que máis lobos mariños dean á costa fuxindo das duras condicións do mar.

Como actuar diante da presenza dun lobo mariño?

Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, as posibilidades de atopalos entre Fisterra e Ribadeo, durante a tempada invernal, non é tan rara. Temos que ter en conta que:

- Chegan directamente dende as colonias de cría do norte e polo tanto están moi cansos, motivo polo cal poden baixar a terra a descansar e botar unha soneca tranquilamente.

- NON ACHEGARSE para evitar molestalo ou que responda agresivamente, mantendo unha distancia prudente xa que poden atacar e trabar.

- NON BLOQUEAR A VÍA DE FUXIDA cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar.

- ATAR OS CANS se os levas, e procurar que non se acheguen ou a ataquen.

- MANTER SILENCIO, os berros e barullo porano alerta e nervioso.

- AVISAR canto antes ao 112 e colaborar coa Rede de Varamentos nas indicacións.

Hai que ter en conta que non todos os animais que chegan á costa precisan ser recollidos, só aqueles feridos ou que persisten en ficar no mesmo lugar durante días e amosen un comportamento patolóxico.

Rede de Varamentos de Galicia

A Rede de Varamentos de Galicia, baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a través dos servizos que leva a cabo a Coordinadora para o Estudodos Mamíferos Mariños-CEMMA.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Agradecementos

A CEMMA quere agradecer a todas as persoas que participaron na detección e asistencia deste animal.

Fotos: CEMMA

 

                    

www.cemma.org

https://www.facebook.com/cemmacetaceos