Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Gente

A Festa do Rei Sol volve ao castro de Cano dos Mouros con moito teatro

Información
Gente 14 Septiembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

I Festa do Rei Sol 2A segunda edición da Festa do Rei Sol é unha proposta de posta en valor dun castro en Viladesuso (Oia) a través da recuperación da memoria oral. Ao longo do sábado 24 de setembro sucederanse contos e lendas intercalados con música e potenciados con iluminación e son. Tamén haberá tempo para unha merendola campestre e a degustación da cervexa artesá ‘Rei Sol’.

Oia, 13 de setembro de 2016

A Festa do Rei Sol toma o seu nome dunha lenda que conta como cada día se sentaba o Rei Sol ao pé do castro de Cano dos Mouros a contemplar o solpor. Isto é precisamente o que nos invitan a facer os veciños de Viladesuso por segundo ano consecutivo, coa diferenza de que nesta edición faise especial fincapé en recuperar a tradición oral vinculada ao lugar. A proposta ‘Contos no Castro’ nace para encher de lendas o castro de Cano dos Mouros, situado nesta parroquia oiense.

O evento arrancará a partir das 17:30 horas. A primeira fita será ás 18:00h cunha visita guiada ao castro na que xa se invocará ao Rei Sol. A partir de aí sucederanse actuacións do grupo de teatro de Mougás e o grupo ‘O Mellor de Cada Casa’. Para as súas intervencións traballaron coa actriz Soledad Felloza para adaptar as mitoloxías da Gallaecia antiga recollidas no libro Vento e Chuvia, de Manuel Gago.

Co solpor a programación porase en pausa para contemplar o maior espectáculo que nos da a natureza: a propia posta de sol. Todo aderezo é  prescindible; tan só se acompañará ese máxico momento coa música de A Fiada de Viladesuso.

Unha vez que se mergulla o sol no océano, o evento culminarase coa actuación estelar de Avelino González. O actor vigués – coñecido por encarnar o personaxe de Miñato na serie da TVG Padre Casares – fará un espectáculo de narración oral preparado especificamente para este día, no que se recollen algunhas lendas e contos locais. Ademais, este espectáculo nocturno irá acompañado de iluminación e son deseñado especialmente para a ocasión por Limiar Teatro.

Ademais de moito teatro, a Festa do Rei Sol estará amenizada coa música tradicional de A Fiada de Viladesuso. Tamén haberá postos de comida e bebida, incluído unha billa de cervexa artesá ‘Rei Sol’, elaborada por Trisk-Ale.

A Festa do Rei Sol está organizada polo Concello de Oia coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a participación da Comunidade de Montes de Viladesuso e a Asociación de Veciños de Viladesuso. O evento englóbase na estratexia da Asociación Costa dos Castros por dinamizar Oia a través da xestión do patrimonio.

Para máis información poden consultar a páxina web www.costadoscastros.com.