Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Segundo o disposto no artigo 34 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para cada tempada, logo da adxudicación de cotas diarias para concursos deportivos oficiais e do sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.

Os permisos sobrantes dos procedementos anteriores poranse á disposición das persoas interesadas en centros de venda habilitados para o efecto polos servizos provinciais de Conservación da Natureza. Para atender a demanda prevista, facilitarase tamén a adquisición de permisos a través da páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/, que funcionará como centro de venda habilitado para o efecto.

De conformidade co anterior, as normas dos sorteos de permisos de pesca en coutos para a tempada 2017 serán as seguintes:

1. Número de sorteos.

En cada servizo provincial de Conservación da Natureza realizaranse dous sorteos:

– Sorteo de salmón: incluirá os permisos de coutos de salmón, mesmo os de pesca sen morte en coutos de salmón.

– Sorteo de troita: incluirá os permisos de troita, de reo, de pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior.

2. Calendario.

Inicio do período de presentación de solicitudes: ao día seguinte da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas.

Límite de presentación de solicitudes: 28 de novembro de 2016, ás 14.00 horas.

Publicación das listaxes de admitidos: 16 de decembro de 2016.

Período de reclamacións: do 19 ao 23 de decembro de 2016.

Data de sorteo: 10 de xaneiro de 2017, ás 12.00 horas.

Os resultados dos sorteos, a listaxe de participantes coa orde resultante, a data e a hora de escolla de cada participante e demais normas aplicables publicaranse unicamente na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. O acceso á aplicación requirirá o número de DNI e mais o da licenza de pesca.

3. Solicitudes.

Para cada sorteo poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun máximo de tres solicitantes por grupo. As solicitudes presentaranse mediante os modelos normalizados dos anexos desta resolución, dispoñibles tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes en grupo poderán ser formuladas por medio de persoa representante legalmente habilitada e, na súa falta, por quen figure en primeiro termo. Neste suposto, a presentación da solicitude deberá incluír o modelo normalizado do anexo II desta resolución.

Á solicitude xuntaráselle unha copia do DNI de cada unha das persoas solicitantes, agás no caso de que se autorice a consulta dos datos de identidade nos termos que se sinalan nos modelos dos anexos I e II.

Cada participante só poderá figurar nunha solicitude para cada un dos sorteos.

4. Consentimentos e autorizacións.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude inclúen autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos.

5. Presentación das solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No caso de que un mesmo DNI conste en varias solicitudes, anularanse as máis antigas e prevalecerá sempre a última data de rexistro de entrada, telemática ou presencial. No caso de solicitudes en grupo, as anulacións afectarán unicamente aqueles DNI repetidos. Non se considerarán duplicidades cando as solicitudes presentadas teñan por obxecto diferentes sorteos.

6. Consulta da admisión de solicitudes e reclamacións.

Durante o período de reclamacións, as solicitudes admitidas poderán ser consultadas na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.

No que respecta ás posibles reclamacións, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. Realización dos sorteos.

En cada sorteo, as solicitudes numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de entrada da solicitude.

Os sorteos serán públicos. Cada sorteo realizarase con tres ou catro bombos, segundo sexa preciso polo número de solicitudes presentadas, correspondendo cada un deles ás unidades, decenas, centenas e unidades de millar. En cada bombo introduciranse dez números, do 0 ao 9, excepto no que corresponda ás unidades de millar, en que unicamente se introducirán os números necesarios para cubrir os miles de solicitudes presentadas. Sacarase un número completo formado por tres ou catro bólas, segundo proceda. No caso de que o número constituído polas bólas exceda o que corresponda á última solicitude presentada, procederase a sortear de novo, devolvendo as bólas aos correspondentes bombos e repetindo a operación.

A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir e continuarase a elección por orde correlativa ata rematar a listaxe e seguir a partir do 1.

Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Conservación da Natureza na data e na hora antes indicadas.

8. Resultados dos sorteos.

Os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web:

https://www.xunta.es:444/pescafluvial/

Cada solicitante poderá consultar na citada páxina o día e mais o rango horario en que poderá escoller os permisos.

9. Notificacións.

9.1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

9.2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria.

9.3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

9.4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, co cal seguirá o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

9.5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Elección de permisos.

Para a elección de permisos de troita e reo, os servizos provinciais de Conservación da Natureza establecerán grupos de permisos de pesca. Para os permisos de salmón haberá un só grupo en cada provincia. A listaxe dos grupos será publicada na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.

Á hora da escolla, cada solicitante só poderá seleccionar dous permisos de cada grupo, dos cales só un poderá corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón só se poderá escoller un permiso.

Na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ poderá consultarse en tempo real o número de permisos dispoñibles en cada couto e para cada xornada de pesca.

A escolla poderá realizarse por calquera dos seguintes medios:

10.1. Directamente na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ na data e rango horario resultantes dos sorteos, intoducindo previamente o número de DNI e mais o da licenza de pesca.

A persoa usuaria poderá realizar comprobacións e reservas previas antes da súa quenda, e mesmo gravar os datos da reserva, pero só se poderá confirmar unha reserva previa dentro da data e rango horario asignados á persoa solicitante, existindo a posibilidade de cambiar os permisos que xa non estean dispoñibles.

Rematado o rango horario sen terse producido a escolla, a persoa usuaria non terá dispoñible o servizo web durante os rangos horarios asignados a outras persoas participantes. Completadas as quendas de escolla do día, e ata as 8.00 horas do día seguinte, calquera persoa que non escollese na súa quenda poderá escoller de entre os permisos dispoñibles en cada momento ata o remate do período de escolla da primeira venda, que se indicará na notificación do sorteo.

10.2. Mediante chamada telefónica ao número que se indique na notificación, na cal tamén se sinalarán a data e o rango horario en que deberá realizarse esta chamada.

Unha vez confirmada unha reserva por calquera dos medios previstos, non poderá ser modificada pola persoa solicitante.

11. Segunda venda de permisos.

Unha vez rematada a escolla, os permisos sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos nun segundo proceso de escolla. Este procedemento será unicamente a través da páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/, cos mesmos requisitos de acceso que anteriormente. O servizo de reserva pola internet estará dispoñible ininterrompidamente para todas as persoas participantes no sorteo a partir da data e da hora de inicio.

Tres días antes do comezo da escolla publicarase na páxina web indicada o total dos permisos dispoñibles para esta segunda escolla.

As normas, en canto aos grupos de coutos e ao número de permisos por grupo, serán as mesmas que na primeira escolla.

12. Venda libre.

Os permisos sobrantes non escollidos e aqueles non retirados nos prazos fixados serán postos á venda nos centros de venda habilitados para o efecto polos servizos provinciais de Conservación da Natureza, regulados no artigo 35 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Para atender a demanda prevista, facilitarase tamén a adquisición de permisos a través da páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/, que funcionará como centro de venda habilitado para o efecto. Para a venda a través da internet reservarase como mínimo o 50 % dos permisos sobrantes en cada couto para cada xornada de pesca.

Na venda libre só se poderá adquirir un permiso diario.

13. Expedición de permisos.

No prazo de 5 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente.

Poderase efectuar o pagamento telematicamente mediante tarxeta de crédito na páxina web, mediante o documento de ingreso telemático presencial (modelo 739) nunha oficina bancaria ou por calquera outra das modalidades dispoñibles no servizos web da Consellería de Facenda.

O permiso emitirase e poderá imprimirse na aplicación informática desde o momento en que se introduza na reserva previa o código N.R.C. xustificativo de ter realizado o pagamento.

Cada participante poderá acceder a todos os seus permisos en formato descargable e imprimible a través da páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.

Para o pagamento mediante impreso de liquidación nas oficinas bancarias autorizadas, en cada servizo provincial de Conservación da Natureza facilitaranse os modelos necesarios. Tamén se poderá conseguir na páxina web http://www.conselleriadefacenda.es o formulario «Modelo L. Prezos Públicos/Privados da Comunidade Autónoma de Galicia. Liquidación». Os impresos tamén poderán confeccionarse seguindo as instrucións que figuran na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.

Segundo o establecido no artigo 7.3 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os permisos de pesca teñen carácter persoal e intransferible; cada titular de permisos debe realizar o pagamento individualmente, mesmo nos casos de solicitudes en grupo.

Nos casos en que non se retiren os permisos persoal nin telematicamente, o pagamento deberá acreditarse, dentro do mesmo prazo de 5 días naturais establecido no parágrafo primeiro deste número 13, remitíndolle por fax ao servizo provincial a copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado. Tamén será posible facelo mediante correo electrónico, escaneando a copia citada do impreso de liquidación e remitíndoa ao correo electrónico, que se indicará na notificación do resultado do sorteo. Nestes casos, os permisos serán remitidos por correo ao enderezo que conste na solicitude.

14. Renuncia a permisos reservados.

Os permisos reservados que non sexan pagados no prazos antes sinalados serán incluídos na seguinte rolda de escolla.

As persoas que renuncien a permisos reservados por non teren realizado o pagamento terán bloqueados novos accesos á aplicación informática de venda de permisos durante o resto da tempada de pesca, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas.

15. Outras normas.

A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regulará os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2017. En todo caso, o emprego dos permisos de pesca outorgados por parte das persoas usuarias estará condicionado ao cumprimento da antedita disposición normativa.

Logo da expedición dun permiso, non se poderá anular nin transferir a outra persoa, nin obter o reintegro do seu importe. En todo caso, cando proceda o reintegro do importe, será preciso presentar unha solicitude escrita á cal se xunte unha copia do impreso de pagamento en que figuren os datos do titular do permiso.

16. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións informativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio/Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2016

Ana María Díaz López Directora xeral de Conservación da Natureza

 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..
Otros articulos relacionados.....

Indecencia y falta de ética política de  las mareas bajo @XulioFerreiro + y @martinhonoriega +