OS SOCIALISTAS ACUSAN Á XUNTA DE “MIRAR PARA OUTRA PARTE” MENTRES O GOBERNO SÓ PERMITE REGULARIZAR 14 NÚCLEOS COSTEIROS DOS 255 AFECTADOS

Información
Litoral 30 Septiembre 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

Xosé Sánchez Bugallo lamenta o veto do PP a unha proposta socialista para que o Goberno “asuma a súa responsabilidade de tutela e asesoramento urbanístico” para apoiar aos 12.500 cidadáns afectados

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 15. O responsable de Política Territorial do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, acusou hoxe ao Goberno galego de “mirar para outra parte” mentres o proceso de regularización de núcleos afectados pola reforma da Lei de Costas de 2013 tan só permite legalizar 14 dos 255 núcleos costeiros afectados en Galicia, apenas o 5 por cento.

Os socialistas galegos presentaron unha moción no Pleno do Parlamento para urxir unha xuntanza entre a conselleira de Política Territorial cos alcaldes afectados e os axude a resolver unha situación que afecta a 12.500 familias de 58 concellos costeiros. Sánchez Bugallo lembrou que o PP anunciara a regularización inmediata de 8.000 vivendas –o resto serían beneficiadas a medio prazo- e a totalidade dos núcleos costeiros.

A realidade foi que logo de 2 anos de prazo para solicitar as regularizacións, tan só se presentaron 177 solicitudes, das que 163 foron aceptadas e 14 aceptadas. Criticou que o goberno galego queira agora derivar a responsabilidade tanto a concellos como ao goberno central logo dunha campaña de propaganda da que participaron tanto o conselleiro Agustín Hernández como o senador López Veiga.

Daquela agocharon que a reforma proposta polo Parlamento de Galicia por unanimidade foi endurecida no debate do Senado, esixindo aos concellos acreditar que os núcleos estaban consolidados e tiñan servizos básicos en 1988, facendo imposible a súa regularización.

Esixiulle ao goberno galego que “asuma a súa responsabilidade de tutela e de asesoramento urbanístico e apoio a ducias de milleiros de cidadáns de Galicia”, e sinalou que “non basta con botarlle a culpa ao Ministerio, xestionado por certo polo seu mesmo grupo político”.

Criticou que o 80 por cento das denegacións foron notificadas “entre o 25 de maio e o 25 de xuño de 2015, xusto despois das eleccións municipais”, malia que moitas delas foran presentadas en 2013.

Sinalou que “logo de 27 meses dende a entrada en vigor da Lei o importante non son as palabras nin as intencións, son os resultados acadados, os feitos, que din que 29 concellos non viron aprobado un só núcleo rural, e que dos 255 comprometidos tan só foron aprobados 14”.

O responsable socialista rexeitou unha emenda do PP que pedía cambiar o texto da moción para instar á Consellería que “siga facendo o que está a facer” porque, dixo, “non é de abondo seguir facendo o que se fixo porque nos levou a onde estamos, e de aquí precisamente é de onde queremos saír”.{jcomments on}