AS DESCARGAS DE PEIXE FRESCO NOS PEIRAOS AUTONÓMICOS INCREMÉNTARONSE MÁIS DUN 16% NOS CINCO PRIMEIROS MESES DO ANO

Información
Lonjas 04 Julio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image
  • g24p36f1Segundo o informe do mes de maio, as descargas de peixe fresco situáronse en 43.080 toneladas, o que supuxo un valor en primeira venda de máis de 89 millóns de euros
  • O porto de Malpica foi o que rexistrou porcentualmente a maior suba respecto ao acumulado no mesmo período de 2014, cun 406,31% máis que no anterior exercicio

 

As descargas de peixe fresco nos peiraos de titularidade autonómica rexistraron un incremento interanual de máis dun 16% nos primeiros cinco meses deste ano. Segundo o último informe de Portos, correspondente ao mes de maio, as descargas de peixe fresco situáronse en 43.080 toneladas, o que supuxo un valor en primeira venda de máis de 89 millóns de euros.

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Ribeira, con 11,8 millóns de quilos acumulados nos cinco primeiros meses do ano; Burela, con máis de 10,6 millóns de quilos; e Celeiro con máis de 6 millóns de quilos. Cómpre destacar o incremento de actividade do peirao de Malpica, que foi o que rexistrou porcentualmente a maior suba respecto ao acumulado no mesmo período de 2014, cun 406,31% máis que no anterior exercicio. Tamén hai que destacar a suba porcentual do peirao Portosín, cun 208% interanual.

En canto ás mercadorías principais cargadas e descargadas nos peiraos comerciais hai que salientar a actividade de Celeiro, que aumenta en máis dun 73% as descargas de caolín. No apartado de descargas de túnidos conxelados, na Pobra do Caramiñal prodúcese un incremento de máis dun 6% nas súas descargas e en Ribeira de máis dun 7%.