Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Marisqueo

ACUSAN A Rosa Quintana e a XUNTA DE CONDENAR O ECOSISTEMA E O MARISQUEO DA RÍA DE AROUSA

Información
Marisqueo 17 Junio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image
Santiago de Compostela, 05 de marzo de 15. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe á Xunta de “condenar” o ecosistema e as explotacións marisqueiras da Ría de Arousa ao vetar unha proposta socialista para sanear a Ría. Vilán presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento que foi rexeitada polo PP.  
A responsable socialista considera incomprensible que o PP teña rexeitado unha proposta para pedirlle á Xunta que “comece e complete, antes de que remate 2015, o saneamento integral da Ría de Arousa, aportando inmediatas solucións para a depuración dos concellos que verten á mesma”.
Patricia Vilán esíxelle ao goberno galego que “saia do seu letargo” e comece a adoptar medidas correctoras “urxentes e imprescindibles” logo das alarmas e informes que apuntan a formas de contaminación severa na Ría de Arousa. Así o demostran a Universidade de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC logo de analizar os sedimentos da Ría.
Estes revelaron contaminación por cobre preto das desembocaduras dos ríos Ulla e Umia, así como do porto de Vilagarcía de Arousa, por arsénico fronte a Cambados, e chumbo na marxe sur da ría, afectando á principal zona de invernada de aves acuáticas de Galicia, o Complexo Intermareal Umia – Grove – Carreirón, declarada Zona Húmida de Importancia Internacional.
As repercusións desta situación para o home están a ser palpables, como evidencia a caída drástica da produción de berberecho e ameixa en Cambados e Carril, como consecuencia dun parásito foráneo, e as mareas vermellas son cada vez mais continuas e virulentas.
Vilán lembrou que esta situación está a ser advertida dende hai tempo, polo que o goberno presidido polo PSdeG deixou en 2009 planificadas e licitadas tódalas depuradoras de Galicia agás Poio – Sanxenxo e Ribeira, o que non evitou que o goberno do PP paralizara estas infraestruturas. A situación mesmo provocou dúas sancións do Tribunal de Xustiza da UE en 2011 e 2013 e o alarmante informe da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo.
Ademais, dende novembro do ano pasado a Comisión Europea ten apercibido aos gobernos central e autonómico pola falla de garantías do bo tratamento das augas residuais urbanas e a falla dun sistema axeitado de tratamento e polo risco para a saúde pública. Lamentablemente, dixo a parlamentaria socialista, esta situación non ten chamado a atención do goberno galego, que continúa “sen facer absolutamente nada”.