Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Marisqueo

Os mexillóns de Lorbé triunfan na Feira Gastronómica Iberoamericana de Mérida

Información
Marisqueo 22 Noviembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Os mexillóns de Lorbé, a torta de Ortigueira, o pan de Carballo ou os pementos de Padrón son só algúns dos produtos coruñeses que estes días conquistan os padais máis esixentes dos amantes da alta cociña, que ata mañá se dan cita na I Feira Iberoamericana de Gastronomía de Mérida (FIBEGA). Un encontro que ten como obxectivo xerar sinerxías entre as ofertas gastronómicas de ambos lados do Atlántico, promovendo conxuntamente produtos da Península Ibérica e Sudamérica.
Un dos momentos estrela desta segunda xornada de FIBEGA veu da man do chef coruñés Pablo Pizarro, responsable do restaurante Bocanegra, que este mediodía preparou en vivo, no posto da Deputación da Coruña, mexillóns de Lorbé en emulsión de escabeche que fixeron as delicias dos numerosos visitantes que se achegaron ao expositor. Pizarro destacou que o segredo do éxito dos pratos elaborados no posto coruñés está na extraordinaria calidade da materia prima.
Polo posto coruñés pasaron tamén nas últimas horas o presidente extremeño, Guillermo Fernández Vara, que onte inaugurou o evento e que tivo a oportunidade de probar o pan e a empanada de Carballo, ou o chef Mario Sandoval, presentador do Canal Cocina e galardoado con dúas estrelas Michelín, que tivo a oportunidade de probar un vermú elaborado en Padrón, os mexillóns de Lorbé e as populares patacas fritas Bonilla da Coruña.
FIBEGA conta con numerosos expositores que representan os diferentes lugares gastronómicos de España e Latinoamérica. Pola parte da península, a Deputación da Coruña, a Deputación de Palencia e a Rexión de Lisboa son algunhas das institucións que amosan a súa ampla e diversa oferta culinaria, mentres que pola parte Iberoamericana, Perú, Paraguay, Ecuador e Panamá dan a coñecer os seus produtos máis populares.
A cidade de Mérida foi durante este 2016 capital da gastronomía Iberoamericana, coa celebración de foros e encontros, que finalmente se pechan coa celebración desta I edición de FIBEGA.
Para a última sesión, que terá lugar mañá están programadas dúas citas coa gastronomía da terra. Por unha banda, o chef da Asociación "Coruña Cociña", Pablo Pizarro, volverá impresionar os amantes da boa comida coa preparación in situ dun salpicón de centola. Xa pola tarde, participará xunto con outros cociñeiros, nun Showcooking no que Pizarro elaborará un prato de pescada con untusoso de navalla, entre outros.
Coa presenza do chef, a Deputación da Coruña quere mostrar tanto a calidade do produto como a innovación e o gran saber da nova cociña galega.
Ademais, a Deputación da Coruña ofrecerá tamén durante estes días distintas degustacións de produtos típicos como a torta de Ortigueira, pan de Carballo, ou chourizos de Vimianzo. Ofreceranse produtos de empresas que responderon á convocatoria como vermú de Petroni (Padrón), embutidos de produtos Cárnicos Domínguez (Vimianzo), marmeladas da Cartexa (Cambre) coa súa coñecida marmelada de licor café, patacas fritidas de Bonilla a la Vista (A Coruña), marmelada de pemento de Padrón da Pementeira, conservas de Portomuíños e produtos feitos con auga de mar de Coido de Sabadelle (Vimianzo).