‘Oportunidades e futuro da pesca Tradicional e do marisqueo’ un artigo de Natalia Laiño

Información
Marisqueo 14 Enero 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

     

ip85

Industrias Pesqueras, nº especial de Abril

Artigo publicado orixinalmente no nº2039-2040 de Industrias Pesqueras

Se tivésemos que indicar algúns dos principais protagonistas da historia de Galicia dos últimos 85 anos, sen dúbida ningunha, poderíamos sinalar ao Mar como un deles. As galegas e os galegos somos un pobo fundamentalmente marítimo que sempre se desenvolveu mirando ao seu litoral, nunha simbiose da que teñen xurdido moitos dos nosos principais rasgos e características. Como consecuencia desta profunda relación directa as e os traballadores do medio mariño están dotados dun coñecemento profundo, asentado durante varias xeracións, que dificilmente se encontra noutras partes do mundo. As nosas rías funcionan como base dunhas relacións sociais e económicas que non só inflúen nas vilas e aldeas mariñeiras, conformando un ecosistema medio ambiental e humano único. Un espazo que é escenario de numerosas actividades económicas centradas no comercio, no turismo, na construción naval, ademais de na pesca e no marisqueo. Sectores ao redor dos que se desenvolve e multiplican as actividades para dar emprego e crear riqueza a unha porcentaxe moi elevada da nosa poboación.

Como país fundamentalmente marítimo, Galicia concentra o 50 % do total da flota pesqueira española, que á súa vez é o 25 % da Europea. Unha pequena rexión marítima europea que concentra o 15 % do total do esforzo pesqueiro da Unión. Unha auténtica fazaña se temos en conta que con menos de tres millóns de habitantes correspóndense con pouco máis do 0,5 % do total da U.E. Cifras que demostran que o noso litoral é un auténtico motor económico no que, ao igual que no pasado, podemos encontrar diferentes saídas para esta crise que estamos a padecer. Mais para conseguir isto é preciso ser referente nas rutas das novas autoestradas do mar, conseguir un desenvolvemento turístico responsable e sustentable, revitalizar os estaleiros, concretar unha política pesqueira común que non nos afogue e -xa no que nos atinxe mais directamente a nós- potenciar o marisqueo e a pesca tradicional como grandes oportunidades económicas.

Resulta difícil de crer que, a pesar da crise, no marisqueo continuemos sen desenvolver todo o noso potencial, que os nosos areais continúen só ao 10% da súa capacidade produtiva de moluscos bivalvos e que a nosa pesca tradicional continúe sen o debido recoñecemento a nivel europeo. Estamos diante dun potencial produtivo que non deberíamos desaproveitar porque a nosa é unha actividade que funciona, fundamentalmente, como xeradora de emprego e captadora de capitais foráneos. Os postos de traballo créanse en Galicia e ademais cada emprego directo supón varios indirectos. A todo isto hai que incluírlle que a maiores dispomos dun produto dunha calidade inigualable e facilmente exportable que coas medidas de comercialización axeitadas pode expandirse, aínda máis, por diferentes mercados.

Desde AGAMAR temos clara esta importancia do Mar como protagonista do noso pasado colectivo así como o seu posicionamento como un dos principais actores tamén do noso futuro. Aínda que para desenvolver todo este potencial é imprescindible que mudemos a forma de ver o sector, sobre todo desde a administración galega. Hai que deixar de tratar o marisqueo e a pesca tradicional como un problema e comezar a ver neles unha oportunidade. A nosa asociación ten isto claro mais semella que, por desgraza, á Xunta non lle parece tan evidente isto. Non podemos permitirnos continuar a padecer unhas políticas públicas que se dediquen a afogar o sector en vez de tentar dinamizalo e potencialo. Necesitamos propostas e iniciativas concretas que poden ser postas en marcha inmediatamente como o establecemento dos puntos de venda centralizados por comarca ou a construción de criadeiros de ameixa autóctona para non termos que importar a semente. Así mesmo necesitamos que os nosos poderes público exixan na UE o recoñecemento do marisqueo como actividade profesional, así como das especies de moluscos bivalvos que se producen en Galicia como especies de interese comercial para Europa.

O futuro está aí e de nós depende como queremos afrontalo, aproveitando as nosas potencialidades ou deixándonos levar por políticas e dinámicas erróneas que só benefician a uns poucos e que non achegan nada para ampliar o benestar colectivo. Evidentemente AGAMAR aposta polo mar e polo noso futuro.