Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Playas

A Xunta de Goberno Local aproba solicitar subvencións por 52.000 euros para limpeza de praias e sinalización turística

Información
Playas 28 Marzo 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para o financiamento do servizo de limpeza de praias do Concello de Carballo durante o ano 2016. A administración local formaliza a petición ao abeiro dunha convocatoria do organismo provincial para o sostemento dos gastos derivados da limpeza das praias da provincia da Coruña durante a tempada de verán 2016 por un prazo máximo de tres meses. O total do custo do contrato do Concello de Carballo para ese período é de 42.300 euros, solicitándose unha axuda de 33.840 euros. Fóra da orde do día, recibiu luz verde tamén unha solicitude de subvención á Axencia de Turismo de Galicia para o apoio de investimentos para uso público en infraestrutura recreativa, información turística e infraestrutura turística a pequena escala mediante o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do mundo rural cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feder) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. O importe total das axudas solicitadas sería de 18.500,90 euros (IVE incluído). De concederse, a subvención deberá destinarse ao fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. Tamén no apartado de subvencións, pero neste caso nas concedidas polo Concello, a orde do día supuxo luz verde para unha destinada ao financiamento da Carreira de dous en dous, que terá lugar o sábado 9 de abril e que está organizada polo Club Atletismo Carballo. Por último, a Xunta de Goberno acordou a concesión dunha subvención de 1.200 euros á empresa Santiago Cotelo García no marco do proxecto Carballo Activa para o fomento do emprego autónomo. As axudas están condicionadas ao cumprimento das condicións do programa.

Xa fóra do apartado de subvencións, a Xunta de Goberno aprobou o programa de actividades de Primavera enDanza 2016, o ciclo estable de danza contemporánea máis lonxevo de Galicia, e tamén un dos poucos que poden localizarse no territorio. Mantén a vocación coa que naceu, a de achegar a danza contemporánea á veciñanza escollendo entre as mellores propostas de Galicia e foráneas para derrubar a concepción de que a danza é algo elitista e exclusivo. Toda a info sobre o programa, clicando aquí. No apartado de contratación, tomouse razón da transformación da sociedade civil arrendataria da cafetaría-restaurante do Pazo da Cultura na sociedade mercantil Pazo Cultura SL. Por último, autorizouse a creación de catro vaos permanentes e aprobouse unha licenza de obra.