As análises constatan a idoneidade das augas e a bandeira verde volve a ondear na praia da Concha Compostela

Información
Playas 05 Agosto 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image
playadaconchaVilagarciaA bandeira verde volve a ondear nas praias da Concha-Compostela dende este mediodía, cando o Concello recibiu os resultados da última analítica realizada pola Consellería de Sanidade e que constatan o final do episodio de contaminación micro biolóxica detectado a semana pasada. As análises desvelan que os niveis de Escherichia coli descendeu ata niveis case imperceptibles. Ademais de izar a bandeira verde, o Concello colgará a resolución da Consellería nos taboleiros da praia para informar aos bañistas do regreso á normalidade.
05.08.2015.- Segundo a analítica coñecida este mediodía, a concentración de Escherichia coli presente nas augas da Concha Compostela o venres situábase en 10 NPM/100 ml, moi por debaixo do máximo legal que recolle a lei para permitir o baño das persoas, que se sitúa en 1500 NPM/100 ml, nivel que si se superaba nos días anteriores e razón pola cal se izou a bandeira amarela e se desaconsellou o baño a efectos preventivos. A evolución microbiolóxica tamén foi moi positiva no parámetro de Esterococos intestinais, cuxa concentración tamén é inferior aos 10 NPM/100 ml.
Rede obstruída por acumulación de sólidos
Independentemente da remisión deste episodio, o Concello decidiu adoptar medidas para tratar de reducir calquera impacto sobre as praias de Vilagarcía. Aparte de intensificar os controis da rede no tramo situado entre o CIRA e o Parque da Compostela, onde se detectara o pico de contaminación microbiolóxica a semana pasada, onte mesmo comezou unha limpeza extraordinaria da rede de saneamento da Avenida Rosalía de Catro, ao detectarse obstrucións da mesma en diversos puntos. O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Lino Mouriño comentou que a falta de mantemento nos últimos anos é a causa de que existan tramos da rede atascados pola acumulación de materiais sólidos e sedimentos e outros tramos taponados e incluso rotos polas raíces de árbores. Isto fai que as augas, ao non poder discorrer libremente polas canalizacións busquen outras saídas.
Un custe superior aos 10.000 euros
A actuación afectará á toda a canalización comprendida entre Carril ao bombeo da Concha e completala levará entre unha semana e dez días. Mouriño comentou que os traballos teñen que ser realizados con maquinaria específica, polo que houbo que contratar á empresa Contucho para a realización desta limpeza extraordinaria, o que suporá un gasto superior aos 10.000 euros.
Resultados de Control de Vertidos O Concello segue á espera de que o Servizo de Control de Vertidos de Augas de Galicia emita o informe sobre as mostras tomadas o venres pasado ao longo de todo o areal para decidir se é preciso tomar máis medidas. Dende Augas de Galicia informaron que os resultados tardarían entre 10 e 15 días.