Fragas do Mandeo rematou a primeira fase da restauración ecolóxica e paisaxística do monte da Espenuca

Información
Galicia 15 Agosto 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

fragasdomandeoA ONG programa a IV Semana de Custodia, cando celebra que chega ó seu quinto aniversario custodiando máis de 200.000 metros cadrados de bosque

A pasada semana, Fragas do Mandeo rematou a primeira fase da restauración ecolóxica e paisaxística do monte da Espenuca, tras actuar nunha parcela de titularidade municipal de 16.846 m2 situada ó norte da ermida.

A actuación ten como obxectivo recuperar o bosque autóctono e impedir que este eucaliptal volva a cegar as vistas do miradoiro.

Nesta fase procedeuse a eliminar os eucaliptos. Hai algo máis dun ano o Concello de Coirós cortounos, pero afillaron con forza e xa eran máis altos que unha persoa.

Durante o mes pasado e primeiros deste, Fragas do Mandeo triturou toda a ramallada que quedara da corta, rozou tódolos eucaliptos que afillaron e danou os seus cepos para secalos.

Neste traballo precisamos o emprego de ferramentas manuais e de maquinaria, con especial coidado para non realizar movementos de terra nin alterar rochas, tanto polo seu valor intrínseco coma pola posibilidade de afectar a restos arqueolóxicos. Tamén amañamos un tramo de medio quilómetro da pista forestal (dende a estrada até a bifurcación Chelo-Bocelo), para facilitar o paso.

Pensando nos veciños e mailos turistas que desexen visitar a parcela, deseñamos un itinerario que a percorre na súa totalidade, unindo camiños interiores e cruzando unha pequena carballeira que sobrevive nela.

No seu arranque instalamos un panel informativo que axuda a identificar nove especies de árbores autóctonas, e lendo co móbil un código QR accédese a información sobre o seu patrimonio natural e cultural na nosa web.

Esta semana iniciamos a segunda fase, na que reforestaremos con carballos a zona que ocupaban os eucaliptos.

Tódalas persoas que queiran colaborar como voluntarios na súa plantación están invitadas a poñerse en contacto con Fragas do Mandeo escribindo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. ou chamando ó 981 105 903.

Estas actuacións entran no marco do convenio que asinamos co Concello de Coirós o pasado 5 de maio.

 Grazas a este acordo poderemos xestionar durante 50 anos sete parcelas de bosque de titularidade municipal situadas no contorno do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. A parcela na que estamos a traballar é unha das tres localizadas no monte da Espenuca.

O estado de conservación delas ten unha  grande incidencia<paisaxística, pois suman unha superficie de 64.195 m2. A rexeneración das outras dúas está adiada para cando dispoñamos do financiamento necesario.

(Ante as frecuentes confusións, hai que advertir que non custodiamos as parcelas que arrodean o miradoiro, pois son doutros titulares e non entran no convenio.)

Paralelamente, e coa colaboración da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia, durante os meses de xullo e agosto, catro grupos de voluntarios están axudándonos a eliminar plantas exóticas invasoras en Chelo, e nas tarefas de reforestación dun dos nosos montes situado en Ois, na ribeira do Mandeo.

Actualmente estamos a programar a cuarta edición da Semana de Custodia do Territorio entre o 19 e o 27 de setembro. A xornada de conferencias centrarase nas especies exóticas invasoras da nosa bisbarra, abranguendo problemas como o dos plumachos ou o das nespras asiáticas, para o que contaremos con especialistas e con técnicos experimentados na súa erradicación.

 Incluirá tamén actuacións de voluntariado como a eco-regata e a participación na limpeza simultánea de ríos de toda Galicia, abertas á participación de particulares e de entidades que queiran mellorar o estado dos nosos espazos naturais.

O pasado 6 de xullo Fragas do Mandeo celebrou o seu quinto aniversario. Neste período asinou acordos que lle permiten custodiar unha superficie de 200.887 m2 de alto valor ambiental, case a metade mediante a compra de parcelas e o resto con acordos a longo prazo.

Todo isto foi posible principalmente grazas ó apoio dos nosos simpatizantes, que participan en xornadas de voluntariado, atenden os rastrillos solidarios ou fan modestas doazóns que nos permiten seguir comprando montes para preservar a biodiversidade mariñán.

Máis información sobre a restauración de Espenuca en:

 http://www.fragasdomandeo.org/campanas/fraga-da-espenuca/

Máis información sobre o convenio en:

http://www.fragasdomandeo.org/2015/05/dobre-superficie-dobre-responsabilidade/

Máis información sobre o quinto aniversario en:

http://www.fragasdomandeo.org/2015/07/celebramo-lo-quinto-aniversario/