Imprimir
Categoría: Galicia

O PRESIDENTE DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA DEL MIÑO-SIL, IMPUTADO POLAS OBRAS DE CANALIZACIÓN DO RÍO SARRIA.

Información
Galicia 30 Junio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

O Xulgado de Instrución de Sarria acordou tomar declaración como imputado a D. Francisco Marín Muñoz, actual presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, no procedemento penal que se instrúe por un delito de quebrantamento de medida cautelar con ocasión das obras de canalización do río Sarria, a raíz dunha denuncia da Plataforma Sarriana polo Río. Os feitos ocurriron o 7 de abril de 2014, cando foi cortada unha árbore na insua do Toleiro a pesar de estar en vigor a paralización da corta de árbores que este Xulgado sarriao acordara por auto do 25 de marzo de 2014. A realidade deste feito xa foi recoñecida por varios dos declarantes no procedemento.

No mesmo proceso penal xa declararon como imputados a directora de obra, o anterior xefe de obra, o encargado de obra e o representante legal da empresa adxudicataria das obras do Proxecto de Canalización; agora o Xulgado chama a declarar como imputado tamén ao propio presidente da Confederación Hidrográfica, todo isto co fin de determinar a responsabilidade de cada un deles no incumprimento da orde xudicial de paralización da talla de árbores.

A Plataforma Sarriana polo Río considera que este procedemento penal pon de manifesto o desprezo dos responsables do Proxecto de Canalización pola legalidade e mesmo polas resolucións xudiciais. Os feitos coma esta imputación do presidente da CHMS veñen a confirmar que o Proxecto de Canalización do río Sarria está baseado na ilegalidade e por iso a Plataforma reclama novamente a súa paralización inmediata.