O Concello porá en marcha neste mes os novos colectores do Miño, que evitarán verquidos de auga sen depurar ao río

Información
Galicia 04 Marzo 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

O Concello porá en marcha neste mes de marzo os novos colectores do Miño, que evitarán verquidos de auga sen depurar ao río. Trátase dunhas obras cun orzamento de 10,8 millóns de euros, executadas pola sociedade Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), e cofinanciadas polo Concello e este organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. 

A sinatura da acta de inicio de explotación desta infraestrutura hidráulica fíxose no transcurso de catro comisións de seguemento celebradas no Salón de Comisións da Casa Consistorial, nas que participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e a directora de zona de Acuaes, Isabel Pérez. O Concello asumirá a explotación, a conservación e o mantemento destas infraestruturas, para os que adicará uns 15.000 euros anuais. 

As obras permitiron solucionar os problemas na rede de saneamento existente, ao conectar a cunca da Louzaneta co sistema xeral da cidade. As actuacións consistiron en instalar un colector secundario na Louzaneta, cunha lonxitude de 4 quilómetros, dos cales 740 executáronse mediante un microtúnel, na instalación dun colector secundario en Casas Novas, cunha lonxitude de ao redor de medio quilómetro, a colocación do aliviadoiro da Louzaneta, un tanque de tormentas cunha capacidade de 4.500 metros cúbicos, no que conflúen os dous anteriores, e un sifón-bombeo no Parque do Miño, que conducirá as augas residuais ata a EDAR; así como a renovación do colector do colexio da Ponte. 

Audio

  • Manuel Núñez, sobre os novos colectores do Miño|Descargar mp3