Monitorización dos arroaces das Rías Baixas

Información
Galicia 26 Abril 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

IMG 20160426 WA0001O proxecto que leva a cabo a CEMMA durante tres días a bordo do barco "Bahía de Nergha" trata de contabilizar os arroaces das rías de Vigo e Arousa

 A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) deu comezo a unha nova campaña marítima dentro do proxecto Monitorización dos arroaces das Rías Baixas, TTRE16RB, onte, día 25 de abril, dende a ría de Vigo. Unha das actividades principais do proxecto trata de realizar mostraxes centradas no estudo do arroaz nas augas das Rías Baixas. O Tursiops truncatus é a especie de cetáceo que vive máis preto das nosas costas.

A bordo do veleiro "Bahía de Nergha"

A campaña marítima empezou coa solta das amarras na madrugada do día 25 na ría e Vigo e alcanzará a ría de Arousa o mércores, voltando despois ao punto de orixe. 

O obxectivo é a cuantificación do número de mandas e de exemplares que usan as Rías Baixas na súa vida diaria. As últimas investigacións indican que as rías son utilizadas por mandas de arroaces chamadas “de gardería”, xa que son os grupos nos que as femias paren e crían aos seus cachorros ata a adolescencia. Cumpridos os tres anos, os arroaces abandonan as mandas e diríxense a outras áreas da plataforma continental para alimentarse.

Métodos de estudo

Nas labores de investigación recolleranse datos de avistamentos, comportamento e fotografías para cuantificar o número de exemplares e rexistralos individualmente para saber quen compoñen as diferentes mandas. A CEMMA ten rexistrados exemplares identificados polas aletas dende hai 16 anos e nas súas bases de datos constan máis de 400 cetáceos diferentes. Ademais realizaranse gravacións acústicas dos sons para estudar o seu comportamento.

Esta investigación pretende delimitar o estado actual dos grupos para tratar de descifrar o proceso de renovación poboacional a partir de que, no mes de xuño, comecen a nacer os cachorros. Segundo os nosos rexistros, anualmente morren entre 25 e 40 arroaces na plataforma continental galega e tratamos de averiguar cantos nacen para estudar a taxa de renovación. Ata o de agora, non nos consta que a poboación estea en crecemento. 

 A tripulación

A campaña conta cun equipo de especialistas experimentados dirixido por José Antonio M. Cedeira, biólogo e presidente da CEMMA.