Imprimir
Categoría: Rios de Galicia y España

A CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA DO MIÑO-SIL SANCIONADA POLA TALA SALVAXE NO RÍO CELEIRO DE SARRIA EN AGOSTO 2014

Información
Rios de Galicia y España 18 Abril 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

río celeiro 28 agosto 2014 033Unha vez máis, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ven de ser sancionada como responsable da comisión dunha infracción GRAVE tipificada na Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, por "acometer a tala" de, polo menos, 36 árbores de certo porte en agosto de 2014 na ribeira do río Celeiro (Sarria), "sen contar coa previa e preceptica autorización da Consellería de Cultura e dentro do contorno inmediato de protección da ponte da Áspera e no territorio histórico encadrado na categoría de Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño Francés a Santiago".

A Plataforma Sarriana polo Río e ADEGA denunciaron no seu día en sendos escritos esas talas agresivas e inxustificadas realizadas pola Confederación do Miño-Sil nas ribeiras do río Celeiro. Os exemplares cortados pertencían a especies autóctonas; non menos de 20 exemplares de ameneiros (Alnus glutinosa) e o resto, na súa maioría, castiñeiros (Castanea sativa) foron abatidos no marco do que foi anunciado pola Confederación, e benvido polo Concello, como "trabajos de limpieza" ou "acondicionamiento".

Con esta tala da CHMS a carón da ponte da Áspera, que "o 07/05/2015 recoñeceu expresamente ser responsable dos feitos", que executou "sen control arqueolóxico" e  "sen solicitar nin obter preceptiva autorización nin con carácter previo nin tampouco posterior" a pesar de afectar á contorna inmediata de protección desta ponte de orixe medieval e na zona de protección do Camiño de Santiago, como coas cortas das obras de encanamento do río Sarria, a C.H. do Miño-Sil manifestou unha vez máis o seu absoluto desprezo polas normas e pola Xunta de Galicia, e co convencemento de que pode actuar con total impunidade.

Desgrazadamente, de maneira xeral, a actitude das Consellerías de Medio Ambiente e de Cultura, responsables da protección do noso patrimonio natural e cultural, e do Concello de Sarria, tense caracterizado pola pasividade e mesmo a compracencia ante as actuacións da Confederación Hidrográfica en Sarria. Só o impulso e a vontade dos veciños de Sarria agrupados na Plataforma de defender e de protexer o patrimonio común evitou danos maiores e está a permitir que as conductas infractoras sexan finalmente sancionadas, xa por cuarta vez, todo iso a costa de grandes esforzos. Pola contra, esa desidia —ou inactividade, como se sentenciou xa no recente fallo dictado pola Sala do Contencioso-administrativo do TSXG de 17/03/2016—, e que caracterizou a actitude da Administración en relación coas obras do proxecto de encanamento, a negativa a tomar decisións firmes e a exercer as propias competencias, non son alleas aos retrasos na reapertura da Ponte Ribeira e do Camiño de Santiago que tanto dano están a causar en Sarria.

Unha reflexión (ainda que non nova) pode extraerse deste episodio, tampouco novo, de infracción legal por parte da CHMS: ¿por que a Confederación Hidrográfica actúa con esa chulería e ese desprezo pola legalidade, unha e outra vez?

1.- En primeiro lugar, porque os seus dirixentes e funcionarios non asumen a responsabilidade dos seus actos. As multas, en maior ou menor cuantía, que se lle levan imposto á CHMS polos seus desmanes son abonadas (si é que o son) a cargo dos Orzamentos de esa entidade (un orzamento público, sostido por todos nós: os contribuintes), sen que as autoridades e funcionarios que adoptan as decisións véxanse afectados (nin na súa conta corrente nin nas súas condicións de traballo) polas ilegalidades que cometen reiteradamente.

Todos somos iguais ante a Lei, Organismos públicos e cidadáns, e todos estamos suxeitos ás normas, se ben os primeiros contan cuns medios xurídicos e técnicos (e unha especial obriga de coñecemento da lexislación) dos que os particulares carecen.

Os dirixentes da Confederación do Miño-Sil teñen recursos económicos, técnicos e xurídicos (a cargo do erario público) cos que os particulares non contan, polo que, ante unha posible sanción, o cidadán terá que rascarse o bolsillo e buscarse a vida para obter asesoramento e cartos para, finalmente, pagar a multa, baixo a ameaza noutro caso de embargo. Pero o señor Marín e os seus funcionarios non teñen ese problema: "Saltámonos a lei? Multa? Non nos alteremos: paga o Estado". E ata a próxima.

2.- E hai unha segunda razón que explica esa actitude impune: ninguén lles para os pes, salvo  —como se ve unha vez máis—  un pequeno grupo de cidadáns, a costa de esforzos particulares. A Confederación sabe que pode campar ás súas anchas sen pedir permisos legais, modificando ao seu capricho contratos públicos —as leis xa llas modifica ao seu antollo a Xunta de Galicia—, despilfarrando en obras absurdas e atentando contra o patrimonio histórico, porque ninguén (excepto unha Plataforma voluntariosa, sen medios e sen medos, e ás veces incomprendida) atrévese a poñer en cuestión os seus abusos, nin tan sequera o Concello de Sarria, a quen debería preocupar especialmente poñer coto  —en representación dos cidadáns, a Historia e o patrimonio da Vila—  a ditos desmanes.

Pero non: o Concello sácase a boina ante o sr. Marín e os seus acólitos, e asume que o "señorito" saberá o que fai e que é o que nos convén, non vaia molestarse.