“La CHMS afirma que el plan del casco histórico impide actuar en Ponte Ribeira”, seguido do subtítulo “Dice que si no se modifica el documento urbanístico no se puede ejecutar la obra del puente”.

Información
Rios de Galicia y España 11 Junio 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image
  • IMG 4199Ainda que pareza incrible despois do que temos visto en relación co proxecto de encauzamento do río Sarria, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) todavía consegue sorprendernos provocando titulares como o que aparecía onte nos periódicos: “La CHMS afirma que el plan del casco histórico impide actuar en Ponte Ribeira”, seguido do subtítulo “Dice que si no se modifica el documento urbanístico no se puede ejecutar la obra del puente”.

  • É certo que a calidade dos políticos e dos representantes públicos ten alcanzado niveis lamentables, pero non pode ser que a desfachatez que amosan estas afirmacións sexa aceptada como algo normal. En realidade, o titular, de non reproducir as explicacións do presidente da CHMS, debería ser xusto ao revés: “o proxecto para a Ponte Ribeira elaborado pola CHMS é incompatible co Plan do casco histórico”; e o subtítulo: “a CHMS debe modificar o proxecto para a Ponte Ribeira co fin de adaptalo ao documento urbanístico”.

  • Sr. Presidente da Confederación, son os proxectos os que teñen que adaptarse ao Plan, á normativa urbanística e á lei. Non é ao revés. O descoñecemento desta regra tan sinxela – ou o convencemento de que non se lle ía aplicar á CHMS, que tiña amigos do partido na Xunta e no Concello – está na orixe do desastre do plan de encauzamento, que foi elaborado prescindindo, entre outros (ex. o comportamento do río Sarria en situación de enchente), dun dato esencial, a afección das obras ao Camiño de Santiago, e, polo tanto, prescindindo completamente da consideración da normativa de protección do Camiño. E D. Francisco Marín, presidente da CHMS, insiste na súa teima cunha frescura que causa escándalo. Se o problema é a protección que corresponde á Ponte Ribeira como parte integrante do Camiño de Santiago, o Sr. Marín propón - nin máis nin menos! - excluir a Ponte Ribeira do Plan especial de protección do casco histórico e do Camiño. Chegamos así ao absurdo de excluir o Camiño do Plan de protección do Camiño.

  • A única opción que non contempla o presidente da CHMS é a máis evidente, a máis fácil e a máis rápida: repoñer o taboleiro da ponte e abrila inmediatamente ao tráfico como xa podía e debía ter feito hai dous anos. Esta obra sinxela si sería compatible, como poderá confirmar o Concello, co Plan especial de protección e co nivel de protección que corresponde á Ponte Ribeira en tanto que parte integrante do Camiño Francés a Santiago, un ben de interese cultural (BIC). A Plataforma Sarriana polo Río esixe por tanto a reposición inmediata do taboleiro da Ponte Ribeira e a súa apertura ao tráfico.

  • Con respecto ás declaración de D. Francisco Marín, tamén cabe lembrar un detalle adicional que el parece esquecer, isto é, que o Plan especial de protección do casco histórico e do Camiño foi aprobado inicialmente en novembro de 2015. Porén, non foi até abril de 2016 que a CHMS someteu a información pública o novo proxecto para a Ponte Ribeira. ¿Qué pasou entón? ¿Por qué a CHMS non tivo en conta o Plan ao redactar o proxecto? ¿A ineptitude da CHMS chega ao extremo de non ter estudado o marco urbanístico no que tiñan que desenvolver o proxecto? ¿Ou é mala fe?

  • A cuestión da mala fe lévanos a plantexarnos que valor teñen as afirmacións pasadas do presidente da CHMS no senso de que ían facer todo o posible para executar a obra da Ponte Ribeira con toda rapidez (falaron de cinco meses) a fin de terminar cos danos que se estaban a causar aos veciños e negocios da vila co corte da ponte. Se de verdade estiveran preocupados polos trastornos e as perdas económicas causadas aos veciños de Sarria, o primeiro que tiñan que ter feito é tomarse en serio a elaboración do proxecto para a reapertura da ponte, asegurándose de que non ía tropezar con dificultades que retrasaran a súa execución polo menos ata novembro do vindeiro 2017. Á vista está que nin as cousas máis evidentes tiveron en conta. Pouco lles importa a eles que a ponte siga pechada seis meses, un ano, dous ou máis.

  • ¿E o Concello de Sarria? ¿A Alcaldesa de Sarria vai consentir que a CHMS lle diga que cambie o Plan de protección, que a pelota está no seu tellado e que mentres tanto a ponte siga cortada? A Alcaldesa e o Concello poden facer dúas cousas: ou ben seguir como até agora, aceptando as imposicións da CHMS a quen nada lle importa a vila de Sarria – como se a CHMS soupera o que fai, cando dende hai moito resulta evidente que non é así -, ou ben, esixirlle á CHMS a reposición do taboleiro e a apertura da Ponte Ribeira. Para isto último saben que poden contar coa forza e co apoio dos veciños de Sarria.

  • E tamén queremos saber qué pensa a Xunta de Galicia de todo isto. ¿Cal é o seu nivel de interlocución coa Administración Xeral do Estado para que non teña sido posible reabrir o Camiño de Santiago que permanece cortado en Sarria dende hai máis de dous anos (25 meses) por un organismo dependente do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente? Neste tempo, o Sr. Núñez Feijoo ten pasado por Sarria e ouvido as queixas dos veciños que sofren o corte da Ponte Ribeira. ¿Tamén vai pasar por Sarria nas próximas campañas electorais, escoitar de novo esas queixas e seguir sen facer nada?

  • Finalmente, a Plataforma Sarriana polo Río esixe a celebración dunha reunión informativa con carácter urxente na que a Alcaldesa de Sarria e o Presidente da CHMS expliquen á veciñanza a situación con respecto á Ponte Ribeira e qué medidas van adoptar para solventar de inmediato o corte da ponte.