Imprimir
Categoría: Rios de Galicia y España

A presidenta da Deputación recibe ao Alcalde de Pontevedra na sinatura do convenio para o saneamento do rio dos Gafos

Información
Rios de Galicia y España 06 Julio 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá, acompañada polo vicepresidente provincial César Mosquera, ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores, con motivo da sinatura de dous convenios de colaboración entre a institución provincial e a corporación municipal co obxecto do saneamento nas parroquias de Mourente e de Bora e no río dos Gafos, en primeiro lugar, e a organización dos Campionatos de Europa de Piragüismo Maratón Pontevedra 2016 celebrados a fin de semana pasada, pola outra banda. A Presidenta asegurou que "ter ao alcalde na sede provincial é un orgullo, ao igual que contar coa compañía do vicepresidente, xa que este é un xesto importante para que a xente visualice que este Goberno está comprometido coa provincia, e iso unicamente se pode facer a través do diálogo e do entendemento", declarou na rolda de prensa na que se procedeu á sinatura dos citados convenios.

Tanto a Presidenta como o alcalde aseguraron que estes dous convenios "son os primeiros dunha serie ampla que imos firmar ao longo destes catro anos de goberno", dixo Carmela Silva. Miguel Anxo Lores asegurou que "este proxecto é moi ambicioso e unicamente posible grazas á colaboración coa Deputación de Pontevedra", despois de que, como lembrou, "a Xunta non cumprise os seus compromisos coa cidade". Silva asegurou que "é un orgullo que o primeiro convenio que firmemos teña por obxecto o saneamento, e polo tanto preservar o medio ambiente e garantir os servizos básicos que ten que percibir a cidadanía".

A Presidenta provincial insistiu en que "firmar estes convenios enmarcados nun protocolo de colaboración" é "unha forma rigorosa de facer as cousas. Neste protocolo establecéronse obxectivos e prioridades que o propio goberno do Concello formulou", algo que tamén subliñou o alcalde: "a Deputación colabora co que o Concello considera necesario, e iso é un avance transcendental porque é unha forma de coordinar esforzos e que o noso modelo urbano de cidade se financie con medios propios, sen ter que recorrer a asuntos que podían ser por propio interese da Deputación pero non do Concello". Aclarou Lores que o protocolo de colaboración entre ambas as súas institucións públicas ten "unha claridade de enfoque político que lle hai que agradecer á Deputación". Carmela Silva, pola súa parte, asegurou que se elaborou respectando "a autonomía municipal, ás persoas que gobernan por decisión da cidadanía e que teñen proxectos de cidade. A relación da Deputación co alcalde de Pontevedra é extraordinaria, e a nosa colaboración se fai dende o respecto, pero tamén dende o profundo afecto", declarou.

En canto á celebración dos Campionatos de Europa de Piragüismo Maratón Pontevedra 2016, o alcalde pontevedrés asegurou que "malia ser un convenio pequeno, é moi importante para a cidade e toda a comarca: ademais de ser un éxito de participación deportiva, a afluencia de turistas, xente que viu ver o campionato e participantes lle deu unha ocupación moi próxima ao 100% á cidade, ademais de afectar aos concellos de arredor". A Presidenta, ademais, quixo agradecer ao concello por, a través destes Campionatos, "colocar Pontevedra no mapa, tanto a cidade como a provincia, porque toda a provincia se beneficiou deles", asegurou.