Imprimir
Categoría: Rios de Galicia y España

“LUGO DE CARA AO MIÑO” PIDE MEDIDAS CAUTELARES MENTRES NON SE RETIRE O DIQUE ILEGAL DO MIÑO

Información
Rios de Galicia y España 13 Julio 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Esta semana cúmprense oito meses desde que se iniciaron as obras ilegais do dique do río Miño, nas Saamasas (Lugo), sen que aínda se dispoña unha solución definitiva que evite que a infraestrutura acabe xerando danos e prexuízos irreversibles no espazo de Rede Natura 2000 no que se atopa. Desde a plataforma "Lugo de cara ao Miño" consideramos irresponsable que despois de tanto tempo, e aínda despois de ter comezado o verán e o período regular de estiaxe do río Miño, ningunha das administracións públicas competentes na resolución do problema e na conservación do espazo natural afectado estea a dispoñer as ineludibles e inaprazables medidas de urxencia que esixe a preservación dos valores naturais dunha zona protexida co máximo rango ambiental e afectados de forma negativa pola prolongada permanencia deste obstáculo no leito fluvial. Desde a plataforma non atopamos argumentos de índole legal nin técnica que eximan ao Ministerio de Medio Ambiente en funcións de resolver, como procede, de xeito inmediato e definitivo, o expediente sancionador aberto contra o Concello de Lugo e a empresa INCA tal e como propón a Confederación Hidrográfica, é dicir, ordenando nesta época de estiaxe a eliminación do dique non autorizado do río Miño.

Tampouco atopamos motivos razoables polos que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e titular responsable da xestión do espazo natural protexido, non está a exercer, como lle corresponde, a presión necesaria diante do Ministerio de Medio ambiente para que este ordene canto antes a retirada do dique ilegal, a sabendas de que existen motivos legais máis que suficientes que xustifican a eliminación da infraestrutura e a reparación inmediata da zona afectada. Tamén é consciente a Xunta de que o procedemento administrativo que conlevaría a hipotética legalización da obra (solicitada pola empresa) prolongaría a estancia do dique no espazo protexido por un período de tempo demasiado longo, o correspondente a unha avaliación de impacto ambiental, que non é asumible para un espazo natural onde conviven especies vulnerables e en perigo de extinción.

Por outra parte, nin a Xunta, nin o órgano ambiental estatal están a promover ningún tipo de estudo que intente determinar o impacto que esta obra ilegal, non contemplada no proxecto da minicentral da fábrica da luz, nin avaliada no proceso de avaliación ambiental, está a exercer no espazo natural, nos hábitats e especies alí protexidas. Así pois, os danos provocados polo dique están sen determinar e poderían chegar a ser irreversibles, se as administracións competentes non actúan, converténdose en cómplices dunha ilegalidade evitable e da degradación acelerada deste espazo de Rede Natura.

Ao mesmo tempo, desde a plataforma "Lugo de cara ao Miño" consideramos totalmente irresponsable por parte da administración autonómica que estea a conceder ao concello de Lugo e á empresa INCA novas autorizacións para intervir na mesma zona do río e do espazo natural protexido nesta época de estiaxe, para a construción de novas ataguías, cando aínda non se corrixiu a situación de ilegalidade do dique xa executado nin tan sequera se teñen establecido medidas de reparación do espazo afectado. A previsible acumulación de impactos a un mesmo tempo nesta zona sensible do río Miño podería converterse na sentenza de morte dos seus valores naturais e patrimoniais ao seu paso por Lugo.

En definitiva, non podemos permitir que as administracións autonómica e estatal estean a favorecer, ben por pasividade, ben por desinterese ou deixazón, a degradación do río Miño e a destrución dos seus valores naturais. Por iso, vimos de pedir formalmente ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Ministerio de Medio Ambiente e á Xunta de Galicia que desbloqueen esta situación de in-pass na que se atopa a resolución do problema e que establezan as medidas cautelares necesarias que impidan novas intervencións no  espazo natural protexido mentres non se retire o dique ilegal. Así mesmo, instamos á Xunta a que cumpra o seu papel de custodiadora do espazo protexido e interveña ante o Ministerio para que este resolva de maneira inmediata o expediente sancionador que devolva ao seu estado natural a zona afectada.

As nosas demandas ao Concello de Lugo

A plataforma "Lugo de cara ao Miño" reuniuse a pasada semana co concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Daniel Piñeiro, para demandarlle tamén medidas cautelares mentres non se resolva a retirada do dique ilegal do río. Como promotor das obras e titular da concesión das augas para a minicentral da fábrica da luz ten a obriga de evitar a acumulación de novos impactos no río mentres non se resolva a situación de ilegalidade do dique polo cal está expedientado, pois podería estar incorrendo nun incumprimento máis da Declaración de Impacto ambiental e, por tanto, expoñéndose tamén a novas sancións. É responsabilidade do concello actuar con cautela e evitar novas situacións de ilegalidade relacionadas co proxecto de rehabilitación da fábrica da luz que acaben redundando no pago de novas sancións a través das arcas municipais.

Tamén instamos ao Concello de Lugo a que solicite unha xuntanza urxente cos responsables de Conservación e de Enerxía da Xunta de Galicia e co Ministerio de Medio Ambiente para demandar unha solución inmediata a esta situación de irregularidade que xa acada cotas surrealistas de inacción e pasividade por parte dos diferentes organismos públicos.

Ademais trasladamos ao edil de medio ambiente a nosa preocupación polos visibles danos que  xa está a sufrir o Caneiro da Luz pola presión directa do dique ilegal, o cal conduce todo o caudal do río Miño, e a maior velocidade, cara a zona máis degradada deste ben patrimonial titularidade do concello, agravando aínda máis a súa lamentable situación de conservación. Solicitamos ao Concello que se avalíe o seu estado e se actúe en consecuencia.

Mobilización na defensa do Miño

A plataforma "Lugo de cara ao Miño", que seguirá vixiante ao que aconteza no río durante este verán,  anuncia ademais que se no mes de setembro aínda non existe unha resolución firme do expediente sancionador ou non se ten emitido a orde de derrubo do dique ilegal, promoverá unha gran mobilización de todos os veciños e veciñas de Lugo e das entidades sociais, ecoloxistas, sindicais e políticas da cidade para reivindicar a retirada do dique antes de que remate a época de estiaxe. Ao mesmo tempo, estudará posibles accións legais que eviten a permanencia do dique no río Miño máis alá da época de estiaxe deste ano.

Para máis información:

Xosé Lois Losada: 698178862.

Integrantes de "Lugo de Cara ao Miño":

ADEGA, AGCT, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Ateneo Engranaxe, Carneiro Alado, CIG, Coop. Bico de Grao, Cultura do País, Madia Leva, Masa Crítica, SLG, SOS Río Miño e as formacións políticas ACE-EU, Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista, Equo, Lugonovo e Podemos.