Imprimir
Categoría: Rios de Galicia y España

“LUGO DE CARA AO MIÑO” E ADEGA-LUGO PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NA IX LIMPEZA SIMULTÁNEA DOS RÍOS GALEGOS

Información
Rios de Galicia y España 27 Septiembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

A plataforma "Lugo de Cara ao Miño" e ADEGA-Lugo participarán o vindeiro domingo, 2 de outubro, na novena edición da Limpeza Simultánea dos ríos galegos "Móllate polos ríos!", organizada polo proxecto de voluntariado ambiental Proxecto Ríos. Ambos colectivos escolleron un treito do río Miño, ao seu paso por Lugo, para realizar a limpeza de lixo ou residuos que se atopan tanto no leito fluvial como nas marxes de ribeira. A actividade desenvolverase na contorna do Caneiro do Muíño, fronte a escola pública do barrio da Ponte, a partir das 10.30 h ata ás 14 horas. Durante a actividade tamén se realizará un recoñecemento en campo dos invertebrados que habitan nese treito do Miño e que funcionan como bioindicadores do seu estado ecolóxico.

A plataforma "Lugo de Cara ao Miño" e ADEGA-Lugo convidan a participar nesta nova xeira de limpeza a todas cantas persoas queiran achegar o seu grao de compromiso e voluntarismo na defensa do bo estado ambiental do noso río máis emblemático. Para poder participar haberá que chamar previamente aos teléfonos 698 178 862 (Lola), ou 686 118 722 (Roi), ou 982 240 022 (ADEGA-Lugo).

O punto de encontro será a Ponte Romana, ás 10.30 horas. Recoméndase levar calzado que non deixe pasar a auga e luvas para poder retirar o lixo de ribeira con seguridade.

Esta IX Limpeza Simultánea de Proxecto Ríos realizarase en máis de 40 concellos galegos grazas ao voluntarismo de máis de 50 colectivos e entidades de toda índole que reúnen a uns 600 voluntarios e voluntarias. O pasado ano, esta actividade conseguiu retirar máis de 13 toneladas de residuos dos cursos fluviais de Galicia e uns 500 kg. no Concello de Lugo.

Cartaz da Limpeza

Para máis información: Roi Cuba (ADEGA):