Imprimir
Categoría: Rios de Galicia y España

“LUGO DE CARA AO MIÑO” E ADEGA-LUGO RETIRARON HOXE UNS 400 KG. DE RESIDUOS DO RÍO MIÑO

Información
Rios de Galicia y España 02 Octubre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

A plataforma “Lugo de Cara ao Miño” e ADEGA-Lugo realizaron hoxe pola mañá unha limpeza nas marxes e leito do río Miño, dentro da IX edición da Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” de Proxecto Ríos. O lugar escollido para a retirada do lixo foi o Caneiro do Muíño, fronte a escola pública do barrio da Ponte, onde se conseguiron reunir uns 400 kg de lixo de todo tipo.

Unhas 20 persoas voluntarias, entre cativos e adultos, peneiramos toda a marxe dereita do río Miño, desde o patio da escola pública ata o caneiro do Muíño, e todo ao longo da construción tradicional, ata case chegar ao restaurante O Muíño. Entre os residuos atopados destacaron os plásticos e microplásticos que son arrastrados río abaixo e que acaban atrapados entre as pedras do caneiro. Tamén recollemos latas, cartóns, restos de teas, roupa, calzado, un neumático, ferros de somier, un sinal de tráfico abandonado e un lavabo de baño.

Chamounos especialmente a atención a cantidade de bolsas de zucre que se atoparon xunto ao caneiro do Muíño, quizais arrastradas polo vento desde as terrazas das cafeterías que están a carón do río. A este respecto, concordamos no grupo de limpeza que sería unha boa idea instar á hostalaría apegada ao río que utilice zucre a granel nas terrazas, no canto de ofrecer zucre en bolsas, que logo acaban parando no curso fluvial.

Ao remate da limpeza, o biólogo e membro de ADEGA, Roi Cuba ensinou aos participantes, a través dunha ficha de clasificación de Proxecto Ríos, as diferentes clases de macroinvertebrados que viven no río Miño e que indican o bo ou mal estado da calidade da auga. Neste caso, atopamos varias especies de macroinvertebrados que son indicadoras dun estado bo do efluente.

O bo resultado da actividade e o ambiente ameno e didáctico no que se desenvolveu, anima a ADEGA-Lugo e á plataforma “Lugo de Cara ao Miño”, a organizar en vindeiros meses varios grupos de voluntariado de ríos que participen de todas as campañas de inspección e limpeza que se organizan dentro do programa de voluntariado ambiental de Proxecto Ríos.