Imprimir
Categoría: Rios de Galicia y España

ADEGA E “LUGO DE CARA AO MIÑO” ESIXEN AO CONCELLO DE LUGO QUE RETIRE CANTO ANTES O DIQUE ILEGAL, AÍNDA QUE RECORRA A RESOLUCIÓN MINISTERIAL

Información
Rios de Galicia y España 07 Octubre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

A organización ecoloxista ADEGA e a plataforma “Lugo de Cara ao Miño” valoramos positivamente a información aparecida hoxe en prensa sobre a resolución definitiva do expediente sancionador sobre a ataguía do Miño por parte do Ministerio de Medio Ambiente, pese a que non dispoñemos aínda da notificación oficial da resolución e, por tanto, non podemos expresar a nosa opinión sobre os seus detalles. En xeral, consideramos que  o Ministerio de Medio Ambiente non tiña outra opción máis que resolver antes da época de estiaxe o expediente sancionador incoado hai 11 meses pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. De non telo resolto en tempo e forma, de deixalo caducar ou de resolvelo fóra da época de estiaxe (de forma que non tivese efecto), todas as responsabilidades derivadas da permanencia da ataguía no leito fluvial e bun espazo natural protexido como Rede Natura recaerían sobre o Ministerio, por tanto, non tiña outra alternativa. Ademais, os propios técnicos da Confederación Hidrográfica xa o advertiran sobre a existencia de risco de desmoronamento da ataguía ilegal se o problema non se solucionaba de inmediato.

No obstante, descoñecemos cales foron os motivos polos que a ministra Isabel García Tejerina dilatou tanto no tempo a sinatura da resolución, case chegando ao límite da época de estiaxe, cando podería telo feito xa desde o 1 de xullo, data na que a Confederación Hidrográfica trasladou ao Ministerio a proposta de resolución definitiva. Desde entón, tanto ADEGA como a plataforma “Lugo de Cara ao Miño” requeriron á ministra celeridade na resolución do expediente en tres ocasións, a última solicitude foi rexistrada o pasado 23 de setembro.

Lembremos que este expediente sancionador foi incoado contra o Concello de Lugo e a empresa INCA pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil por realizar a construción dunha ataguía 150 metros augas arriba do lugar establecido, contrariando a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto e nun espazo natural protexido como Rede Natura sen autorización expresa, ademais de diferiren as súas características construtivas das autorizadas no proxecto. Todos estes motivos, que foro tamén esgrimidos por ADEGA nas achegas que fixo ao expediente, xustifican a retirada inmediata desta infraestrutura ilegal que xa leva 11 meses ocupando o leito do Miño.

O CONCELLO DE LUGO DEBE RETIRAR O DIQUE, AÍNDA QUE RECORRA A RESOLUCIÓN

Segundo manifestacións recollidas nos medios de comunicación, o Concello ten a intención de recorrer a resolución ministerial no senso no que se ten pronunciado nas súas alegacións. Nestas, o Concello de Lugo mantiña que que, pese a ser o promotor das obras, non estaba a facer a execución directa das mesmas, polo que a responsabilidade de construír o dique incumprindo a normativa correspondía á empresa INCA. Desde ADEGA e “Lugo de Cara ao Miño” non podemos emitir unha valoración ao respecto dos detalles da resolución ministerial mentres a Confederación non nola traslade, pero consideramos que o Concello ten a obriga de cumprir cos prazos de retirada da ataguía establecidos na resolución, independentemente de que presente un recurso contra esta. Descoñecemos ademais se o concello pretende recorrer a resolución ministerial na súa totalidade ou só no punto tocante á exoneración da empresa INCA de toda responsabilidade.

Por outra banda, debemos lembrar que no último pleno municipal, o de 29 de setembro, se aprobaba por maioría unha moción da plataforma “Lugo de Cara ao Miño”, trasladada ao pleno por BNG-AA, ACE-EU e Lugonovo, pola que se instaba ao concello a retirar o dique ilegal antes do remate da época de estiaxe. Esta moción demandáballe ao concello que, como promotor do proxecto e principal valedor dos intereses da veciñanza de Lugo, actuase con urxencia en previsión de evitar o risco de desmoronamento da ataguía. En datas posteriores ao acordo, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, confirmaba a esta plataforma que cumpriría co mandato do pleno e que  se poría a traballar para conquerir a retirada do dique canto antes. A día de hoxe, tanto ADEGA como a plataforma, descoñecemos en que punto se atopan estas xestións do concello.