A xestión dos centros de interpretación do río Mandeo aos concellos de Curtis e Coirós

Información
Rios de Galicia y España 31 Diciembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

A deputación da Coruña vén de aprobar a renovación dos convenios de xestión dos centros de interpretación do río Mandeo situados en Teixeiro (Curtis) e Chelo (Coirós). O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, asinou hoxe ambos os dous convenios cos alcaldes de Curtis, Javier Francisco Cainzos, e Coirós, Francisco Quintela.

A Deputación financiará o 100% dos gastos de xestión dos centros etnográficos durante o ano 2017, ata un máximo de 13.500 euros no caso de Coirós e de 21.600 en Curtis. Os fondos provinciais sufragarán os salarios do persoal necesario para a atención a visitantes e a organización de visitas guiadas. Ademais, a Deputación porá a disposición dos concellos material didáctico e promocional e medios técnicos xerados no marco do proxecto Mandeo, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Pola súa banda, os concellos comprométense a realizar un mínimo de dúas visitas ao mes para colexios, institutos, asociacións ou calquera entidade da conca do Mandeo interesada. Neste sentido, levarase un rexistro das visitas e elaborarase un dossier fotográfico.

Así mesmo, o concello de Coirós comprométese á apertura do centro de interpretación de Chelo os venres, sábados e domingos, de 10 a 13 horas e de 16 a 19 horas.

No caso do centro etnográfico de Curtis, ubicado en Teixeiro, o horario de atención ao público será, como mínimo, de martes a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 19 horas e os sábados e domingos de 10 a 13 horas.