ALEGACIÓNS CONTRA A COLOCACIÓN PLATAFORMA FLOTANTE EN RÍO MIÑO, NUNHA ZONA DE REDE NATURA, AO SEU PASO POR LUGO

Información
Rios de Galicia y España 17 Abril 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image

WhatsApp Image 2018 04 11 at 10.55.36Atendendo ao anuncio do pasado 17 de marzo de 2018 polo que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil expón a información pública, no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, no concello de Lugo e na Deputación de Lugo, o expediente relativo á colocación dunha plataforma de baño flotante no río Miño, en Zona de Rede Natura 2000, promovida polo Club Fluvial de Lugo, e con número de expediente A/27/27624, pola presente expón as seguintes

 

ALEGACIÓNS

Que tal plataforma flotante se quere colocar dentro do ZEC Ladra-Parga-Támoga e zona de Rede Natura 2000, (Zona Núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño), nunha área na que se atopan hábitats prioritarios (91E0*) e outros de interese comunitario (3260, 3270, 6430,), tal e como asume a propia Dirección Xeral do Patrimonio Natural, e cando menos tres especies incluídas na categoría legal de "ESPECIES EN PERIGO DE EXTINCION", que se corresponden con: Nymphoides peltata, Isoetes fluitans, Margaritifera margaritifera, e ás que habería que sumar igualmente a presenza doutras especies ameazadas de flora e fauna silvestre (Potamida littoralis, Unio pictorum, Gasterosteus aculeatus, Lutra lutra, Natrix natrix, Natrix maura), e un importante número de aves, todas elas estritamente protexidas pola normativa europea, nacional ou autonómica.

Que, de acordo coa Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, e as disposicións do Plan Director dá Rede Natura 2000 de Galicia, como o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais, son determinantes respecto de calquera outras actuacións, plans ou programas sectoriais, sen prexuízo do que dispoña respecto diso a lexislación autonómica. As actuacións, plans ou programas sectoriais só poderán contradicir ou non acoller o contido dos Plans de Ordenación dos Recursos Naturais por razóns imperioso de interese público de primeira orde, nese caso a decisión deberá motivarse e facerse pública. As disposicións contidas nestes Plans constituirán un límite de calquera outros instrumentos de ordenación territorial ou física, prevalecendo sobre os xa existentes. A realización de actos, ou o outorgamento de autorizacións, licencias ou concesións que habiliten para unha transformación do espazo natural esixe dun informe favorable da administración competente en espazos naturais e biodiversidade.

Que no artigo 68 do Plan Director da Rede Natura (DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación vos lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba ou Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. DOG 62, 31/03/2014), se establece o procedemento concreto ao que deben ser sometidas calquera tipo de instalación de baño en zona de Rede Natura, aplicable independentemente das súa características construtivas:

DECRETO 37/2014.- Artigo 68. Ordenación do territorio e urbanismo

3.- Normas específicas da zona 3: Área de Uso Xeral.

  1. b) Usos e actividades autorizables.

3º) En aplicación do disposto no artigo 39 punto 2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, consideraranse autorizables polo órgano competente en materia de conservación da natureza ademais de sometidos á autorización do órgano competente en materia de urbanismo os seguintes usos construtivos, tanto temporais como permanentes, sempre que quede garantida a integración das edificacións coa paisaxe e os valores obxecto de protección, se desenvolvan de acordo ao artigo 6 da Directiva 92/43/CEE e ao artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e que tras levar a cabo unha axeitada avaliación das súas repercusións esta sexa a solución alternativa a adoptar que mellor salvagarde os valores ambientais, sempre e cando non afecten os tipos de hábitat prioritarios nin os núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación, nin afecten dun xeito significativo os elementos da paisaxe que revistan unha importancia fundamental para os compoñentes da biodiversidade, nin tampouco á función de conectividade e permeabilidade dos ecosistemas:

  1. ix) As instalacións de praia e actividades de carácter deportivo, sociocultural, recreativo e de baño, que se desenvolvan ao aire libre, coas obras e instalacións imprescindibles para o uso de que se trate, logo do informe favorable do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza sobre o cumprimento da lexislación sectorial autonómica, estatal e da Unión Europea que resulten de aplicación.

Que, malia ao anterior, no informe de valoración ambiental asinado o 17 de xaneiro de 2018 pola Xefa territorial de medio Ambiente e Ordenación do Territorio, da Xunta de Galicia, Margarita López Blanco, non se realiza unha avaliación axeitada das repercusións ambientais da colocación e permanencia durante época estival da infraestrutura nun treito do río Miño declarado como ZEC Ladra-Parga-Támoga e Zona núcleo de Rede Natura 2000, por canto:

Non se garante a protección dos hábitats prioritarios e de interese comunitario, nin das especies ameazadas ou en perigo de extinción referidas no devandito informe ambiental, incumprindo o disposto polo artigo 68 do Plan Director da Rede Natura 2000, e o disposto no artigo 6 da Directiva 92/43/CEE, ou na Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

Non se garante a integración da infraestrutura na paisaxe e nos valores obxecto de protección.

Non se realiza unha avaliación específica para cada hábitat ou especie protexida e presentes na zona, sendo isto último necesario ao tratarse dunha zona na que se asentan hábitats prioritarios para a UE e especies en perigo de extinción, incluídas no Catálogo Galego de Especies ameazadas, debendo sinalarse cando menos o tamaño das poboacións protexidas e o seu estado de conservación.

Non se establecen medidas correctoras específicas ou condicións de execución que garantan a conservación nun estado favorable dos hábitats e especies protexidos presentes na zona, e que intenten previr, reducir, ou eliminar os efectos ambientais negativos.

Non se concretan as limitacións ás que deberían estar somteidos/as os/as usuarios/as da infraestrutura e das que deberían ser informados/as co gallo de non alterar a presenza na zona de baño de especies protexidas incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, malia a ser un dos condicionantes aos que se obriga ao Clube Fluvial para obter a autorización ambiental.

Non se esixen as suficientes garantías de restauración ou compensación dos danos persoais, físicos, ambientais ou materiais que viñeran derivados do mal uso da infraestrutura ou dun eventual accidente.

Non se inclúe, nin na documentación emitida polo promotor nin pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ningunha mención sobre a presenza de especies exóticas invasoras na zona nin sobre o risco de introdución ou expansión das mesmas, malia que o uso público e as actividades de manexo dos medios naturais que se pretenden na zona son susceptibles de favorecer a introdución e expansión de moitas especies exóticas. Os ecosistemas fluviais e os medios de ribeira son susceptibles de ser invadidos por especies exóticas invasoras cando se realizan cambios na súa dinámica hidroecolóxica, estrutura ou se incrementan a presión antrópica. Ademais, na ZEC Parga-Ladra- Támoga tense constatada a presenza dun importante número de especies exóticas invasoras (Azolla filiculoides, Cortaderia selloana; Conyza canadiensis, Crocosmia× crocosmiiflora, etc.) e débese asegurar a curto ou medio prazo un estado de conservación favorable.

Non se avalía no proxecto a alternativa cero, pola que xa está permitido o baño público na zona, sen necesidade da colocación de elementos artificiais que poidan alterar o curso do río e os valores protexidos neste espazo natural de Rede Natura.

Que non se acredita no expediente a existencia dun certificado que declare a zona afectada como zona de baño por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e/ou do Ministerio de Medio Ambiente, nin tampouco a existencia de servizos asociados a este tipo de áreas de baño. Neste sentido, debemos lembrar que os criterios que a lexislación establece para unha Zona de Baño poden resultar incompatibles cos requirimentos para asegurar o mantemento nun estado de conservación favorable dos hábitats de interese comunitario e das especies protexidas de flora e fauna, acorde ás determinacións establecidas na lexislación sobre Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Esta potencial incompatiblidade entre os usos actuais e os usos previstos, tampouco se aborda na memoria presentada polo promotor e nos distintos informes emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Natural.

Que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a requirir menores garantías ambientais para esta actuación nunha zona de Rede Natura, que as que demanda para proxectos similares que se prevén tamén no río Miño fóra do espazo de Rede Natura, como sucede co expediente relativo ás piscinas promovidas polo Concello de Lugo, con número A/27/27405. Á diferenza do caso citado, a CHMS non esixe ao Club Fluvial de Lugo a presentación de ningún estudo batimétrico que xustifique o correcto emprazamento da plataforma, nin a concreción doutras infraestruturas ou elementos que deberan ir asociados á zona de baño, como por exemplo, outras instalacións de uso público, servizo de rescate de bañistas, emprego de embarcacións, etc. Tampouco se pide que se concrete de que forma será instalada e desinstalada a plataforma flotante, se fará falla uso de maquinaria, ou cal é o alcance dos traballos. Tampouco se pide a concreción de medidas de protección da calidade das augas e do ecosistema fluvial xeral, nin como se vai realizar a xestión de residuos da zona. E como xa dixemos anteriormente, moito menos se establece a necesidade de definir medidas de protección ante posibles afeccións os hábitats e especies desta zona. Esta diferenza de criterios na esixencia requirimentos para avaliar a repercusión deste tipo de infraestruturas en zonas moi próximas do río Miño aos seu paso por Lugo estaría favorecendo unha sorte de discriminación cara a outras entidades ou institucións promotoras de infraestruturas similares nesta parte do río Miño, que ademais promoven as súas instalacións fóra de espazos de Rede Natura.

Que tampouco queda acreditada a seguridade da infraestrutura, por canto se indica que se ancorará mediante unha "corda ou un cable suxeito a dous mortos existentes no fondo do río", mais non se sabe nada do estado de conservación dos elementos preexistentes que servirían supostamente para aferrar a infraestrutura ao fondo do río.

Que non queda garantido o uso público desta zona de baño e da plataforma que se pretende colocar, por canto a zona de servidume do río, á altura do Club Fluvial, permanece pechada ao acceso público, mesmo obstaculizando o paso de servidume coa colocación de portas por parte da entidade promotora da plataforma, algo que vai en contra do disposto polo Real Decreto Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Augas e polo Real Decreto 849/1986, de 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do Dominio Público Hidráulico. Así mesmo, no caso de existir un dereito do uso privativo deste treito do río Miño para o uso exclusivo dos socios/as do Club Fluvial de Lugo ou unha ocupación legal desta zona de servidume, instamos a que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil proceda a tramitar de inmediato a súa extinción.

Polo dito anteriormente,

SOLICITO:

-Que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil teña en consideración as alegacións presentadas, co gallo de que: se realice unha avaliación ambiental axeitada da repercusión directa e indirecta da colocación da devandita infraestrutura e do seu uso sobre os hábitats e especies que se atopan protexidos nesta zona de Rede Natura; se establezan medidas correctoras específicas e adecuadas que procuren a conservación dos valores naturais protexidos na zona; se garanta o uso público deste treito do río Miño, cuxa declaración como zona de baño deberá estar debidamente acreditada; se avalíe a seguridade da infraestrutura e se apliquen criterios técnicos de avaliación obxectivos e non discriminatorios con respecto a proxectos similares.

En Lugo, a 16 de abril de 2018. Asina