Imprimir

Buscan a introdución do cultivo de peixe limón en España dentro da acuicultura.

Información
17 Enero 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

O Instituto de Acuicultura da USC participa no Plan Nacional de Acuicultura SERIOLA, un proxecto dotado con preto de 800.000 euros de financiamento para o desenvolvemento dunha nova especie comercial en España, o peixe limón (seriola ou medregal), e así contribuír á diversificación da acuicultura a nivel industrial en diferentes rexións españolas. Este Plan Nacional liderarao durante os próximos dous anos o Grupo de Investigación en Acuicultura (GIA) do IU-EcoAqua pertencente á Universidade das Palmas de Gran Canaria (ULPGC). O proxecto está financiado a través das Axudas á Investigación dos Plans Nacionais de Acuicultura 2016 concedidas polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medioambiente (MAPAMA) e o Fondo Europeo Marítimo e de Pescas (FEMP).

Para o desenvolvemento deste proxecto, a ULPGC contará coa participación, ademais da USC, do Instituto Andaluz de Investigación e Formación Agraria, Pesqueira, Alimentaria e da Produción Ecolóxica (IFAPA). Estas entidades estarán apoiadas á súa vez pola participación das empresas NIORDSEAS SL (Grupo Andrómeda), SOCAT SL (Grupo Geremar), INSUIÑA SL (Grupo Nueva Pescanova) e Skretting España para realizar as probas de validación.

SERIOLA é un proxecto de cooperación para o desenvolvemento do cultivo dunha nova especie comercial en España, mediante a mellora do proceso larvario, así como a optimización do seu engorde atendendo a todos os aspectos produtivos, incluídos os relacionados co mercado, que permitan potenciar o desenvolvemento dunha acuicultura sustentable. O equipo do Instituto de Acuicultura da USC, explica o director deste instituto Carlos Pereira Dopazo, liderará o grupo de traballo de patoloxía, que busca coñecer as patoloxías pre existentes ou emerxentes que poden representar un risco no cultivo do peixe limón e desenvolver protocolos que minimicen o seu efecto e potencien a produción.

Como explican representantes do grupo, a demanda de produtos acuícolas está crecendo a nivel mundial e, de feito, o proxecto está sendo apoiado por todas as agrupacións de empresas do sector. Os últimos datos dispoñibles sinalan que a UE non pode cubrir coa produción propia o seu alto nivel de consumo de pescado per cápita (22,7 kg en 2009). Para cubrir esa demanda crecente é preciso un incremento das producións acuícolas que, na rexión mediterránea, se vincula principalmente co cultivo de dourada ou robaliza, especies que xa teñen alcanzado a súa madurez sectorial e comercial. Neste contexto, o novo proxecto vén cubrir nichos de mercado diferentes.

Ata o momento a produción de peixe limón tense enfrontado coas principais limitacións comúns a un gran número de especies propostas para diversificar a acuicultura mariña. Non obstante, faise necesario o desenvolvemento dun proxecto que acelere a creación de melloras produtivas e leve a cabo un importantes esforzo de validación de procesos, xunto coas empresas do sector produtivo. Cabe destacar que, durante todo o proxecto e ata a súa finalización, os investigadores terán moi en consideración a importancia facer partícipe ao sector en particular e á sociedade en xeral dos avances e logros alcanzados a través da realización de xornadas e seminarios dirixidos á difusión dos resultados do proxecto.