Imprimir

O BNG reclama un novo modelo de xestión da pescada que acabe coa discriminación da flota galega

Información
16 Febrero 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

A portavoz parlamentaria en Pesca, Montse Prado, defendeu na Cámara un novo modelo de xestión da pescada que acabe coa discriminación que sofre a flota galega fronte a outras da UE, como a de Portugal, pese a tratarse dunha especie estratéxica para o sector pesqueiro galego.

En concreto, o Bloque reclama do Goberno central un modelo alternativa “que impida os peches improvisados, que implique igualdade nas condicións para as distintas flotas que faenan no mesmo caladoiro e que se protexan as zonas de cría e poña en valor a especie”.

“Pódese lograr, pero o PP non quere porque o obxectivo é reducir a capacidade produtiva e de xeración de emprego do sector en Galiza, executando acriticamente a normativa europea e as imposicións de Madrid”, denunciou Prado, “porque o reparto de cotas é unha decisión política, por moito que pretendan disfrazalo con cuestións técnicas por intereses doutros países da UE para os que a pesca non é un sector estratéxico. O grave é que o Goberno da Xunta o asuma e non se poña do lado da xente do mar”.

Prado lembrou que ao longo dos últimos anos, o número de barcos de volanta que capturaban pescada pasaron de 300 a 68, ao tempo que as cotas para esta especie se reduciron en case 4.000 toneladas. “Cada ano menos flota, máis embarcacións para o despece, menos emprego e menos renda”, sintetizou a deputada.

O Bloque tamén fixo referencia durante o debate na Comisión de Pesca á discriminación da flota galega sobre a lusa: “Ten máis cota,  faena as fins de semana e pode descargar mentres descansa a flota galega copando o mercado”, indicou. Igualmente,  demandou medidas de comercialización para a pescada “que non existen máis aló das que se capturan coa técnica do pincho”. “O sector quere traballar e non mendigar axudas, nin estar con sobresaltos sobre canto e como pode pescar”.

A formación nacionalista tamén levou á Comisión de Pesca unha proposta para que o Goberno galego estableza unha mesa de negociación co sector para saber a distribución e xestión dos recursos procedentes do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), rexeitada polo PP.

“Que medo lle ten o PP ao diálogo e á negociación co sector?”, se preguntaba Prado, que convidou aos populares a ir máis aló “do argumentario contra o bipartito” e mudalo por propostas a favor da pesca. “Deberían traer propostas, reunirse co sector para avaliar que de fan cos cartos públicos procedentes do FEMP, a onde foron os fondos, a que empresas, cantos empregos se crearon, que criterios para o abandono definitivo da actividade?”.

Prado pediu diálogo co sector, -“que sexa algo máis que unha consigna publicitaria do Sr. Feijóo cando ven a esta Cámara”-, e os datos de xestión do FEMP entre 2009-2017. O BNG propón que se adiquen a recuperar bancos marisqueiros, mellorar as sementes, financiar seguros, apoiar a pesca e o marisqueo tradicionais e a mellorar a calidade de vida das persoa que están traballando no mar.