O persoal de Conservas Alonso mobilízase contra o peche da planta de Celeiro e a prol do mantemento dos 41 postos de traballo

Información
Conservas 24 Abril 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image
16-04-21 conservas alonso1A conserveira pretende levar a produción ás instalacións que ten en Bueu
As traballadoras/es de Conservas Alonso estanse a mobilizar estes días contra as pretensións da empresa de pechar a planta de Celeiro (Viveiro) e trasladar a produción e o persoal ás novas instalacións de Bueu. A CIG rexeita esta medida que podería supor a perda de 41 empregos directos, 20 deles fixos e 21 fixos-discontinuos.
 

Susana Riveira, da Executiva da Unión Local da Mariña, puña en cuestión as razóns económicas e técnicas alegadas pola empresa para este peche. En canto ás motivacións organizativas representante sindical apuntou que “é o máis cómodo” para a conserveira, que vén de abrir novas instalacións en Bueu con maior capacidade para ampliar a produción e con maquinaria máis moderna.

Neste senso, criticou a falta de vontade da compañía por manter o centro de traballo de Celeiro, en funcionamento dende 1925. Un desinterese que veu marcado pola ausencia de investimentos e modernización da fábrica dende a década dos noventa, que deixou as instalacións obsoletas. Tamén polo rexeitamento que a empresa fixo, no seu día, á proposta de traslado ao Polígono de Landrove (con bonificacións incluídas).

Unha proposta que volveron pór enriba da mesa estes días o Concello e a Xunta, pero que non parece ser do interese da empresa.

Riveira lembrou que no seu momento en Celeiro houbo 18 fábricas de conservas e salgaduras. “Pero se agora pecha Alonso, só nos quedará Albo”, subliñaba.

Empresa e representación sindical teñen aberto o período de consultas para o proceso de traslado do persoal, pero até o momento non se avanzou. A este respecto, a central nacionalista aposta polo mantemento da actividade da planta de Celeiro e de todos os seus postos de traballo.

Entrementres traballadoras e traballadores realizan concentracións os luns ás 18:00 horas á carón da oficina de turismo e os xoves pola na Praza Maior. As protestas contan co apoio solidario de centos de veciños e veciñas. Tamén se está a estudar a convocatoria dunha manifestación para o  venres día 6.

Así as cousas, a semana próxima continuarán as reunións do período de consultas, á espera de ver que propostas presenta a empresa