OS SOCIALISTAS DENUNCIAN “LENTITUDE E DESINTERESE” DO GOBERNO GALEGO DIANTE DA CONTAMINACIÓN DA AUGA EN FERROLTERRA

Información
Galicia 17 Julio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

Beatriz Sestayo critica que a Xunta deixe a 150.000 habitantes da comarca “desamparados” logo de ter coñecemento dos resultados dende o 29 de xuño

Censura que “o único polo que o goberno galego demostra interese é por eludir e derivar responsabilidades”

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 15. A deputada socialista e tenente de alcalde de Ferrol, Beatriz Sestayo, denunciou a “lentitude e desinterese” demostradas polo goberno galego diante da contaminación da auga da traída que afecta a 150.000 habitantes de cinco concellos de Ferrolterra. Lembrou que a Xunta coñece das análises da auga dende o 29 de xuño e agardou ata onte para comunicárllelo aos alcaldes.

Sestayo acusa ao goberno galego de deixar “desamparados” aos veciños e veciñas, que tiveron que “resolver eles mesmos coa axuda dos gobernos municipais” os problemas que xera a prohibición de consumo da auga. Lamentou a ausencia do goberno galego á hora de buscar solucións e apoiar aos concellos afectados, que si que obtiveron unha rápida resposta solidaria dos gobernos municipais limítrofes.

Acusa ao goberno galego e ao PP de “atacar con desvergoña aos gobernos locais que non son da súa cor política” para “intentar desviar a atención sobre os responsables de realizar os controis sanitarios” que son coñecidos pola Consellería de Sanidade, quen lle deu traslado dos datos aos rexidores. Lembra que “é o goberno galego quen ten competencia sobre saúde pública”.

Eludir responsabilidades

A responsable socialista criticou que o goberno galego “tan só demostra interese por eludir e derivar responsabilidades”, cunha actitude que “contrasta coa do goberno de Ferrol, quen constituíu de inmediato un gabinete de crise para buscar solucións”. Lembrou que “no dito gabinete non estivo a Consellería de Sanidade, quen decidiu ausentarse logo de ser convidada polo Concello e de confirmar a súa presenza”.

Critica a “descoordinación e resposta lamentable do goberno galego”, por canto logo de coñecer a obriga de impedir o consumo humano da auga, a delegada territorial “tan só foi capaz de propoñer volver falar o luns”, mentres a xerencia da área sanitaria de Ferrol “optou por dirixirse ao Concello para recibir instrucións en lugar de falar coa Consellería da que depende”.

Inconcibible

Explica que “por moito que o protocolo obrigue a facer contaanálises, resulta en todo punto inconcibible que o goberno galego non teña informado dende o primeiro momento” para permitir aos concellos tomar decisións e preparar a resposta á obriga de impedir o consumo humano da auga.

Sestayo advertiu que os socialistas galegos presentarán unha ofensiva parlamentaria “unha vez se resolva a crise sanitaria” de Ferrolterra para “coñecer toda a información e depurar as responsabilidades políticas” no goberno galego diante do seu “alarmante desinterese diante dun problema de saúde pública”.