A Xunta apoia as peticións do alcalde para dotar de máis medios a Cortegada

Información
Islas 21 Julio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image
O delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís, anunciou que o goberno autonómico pedirá ao Parque Nacional das Illas Atlánticas que dote á illa de Cortegada de máis medios contraincendios fixos, recortando así os tempos de resposta a sinistros como o rexistrado o xoves 16. Tourís, que facía a última das súas visitas institucionais aos novos alcaldes, asumiu a petición que en tal sentido fixo o alcalde, Alberto Varela, ao día seguinte do incendio.
21.07.2015. Preservar a riqueza medioambiental e etnográfica de Cortegada foi un dos temas principais da xuntanza que mantiveron onte Varela e Tourís. Pero houbo máis: entre eles, a cesión pendente da estrada autonómica que atravesa o Concello dende Carril ata a praza da Constitución, ou a necesidade de que se dote de máis medios á Comisaría de Policía, para o que Tourís se comprometeu a mediar ante o subdelegado do Goberno central.
Na reunión tamén se fixo un repaso aos investimentos que realiza a Xunta no Concello e, neste sentido, Tourís anunciou unha nova subvención de 60.000 euros –aos que se unirán outros 20.000 da administración municipal- para desenvolver unha nova fase nas obras de mellora da praza de abastos. Pola súa banda, o alcalde lembrou ao delegado da Xunta as entrevistas pendentes cos conselleiros de Educación e de Medioambiente, no primeiro caso para analizar a situacións dos centros escolares da cidade, e no segundo para retomar o compromiso do anterior titular desa consellería sobre o saneamento integral da ría e específicamente do litoral vilagarcía, cun investimento superior aos 11 millóns de euros.
Tanto Varela como Tourís se comprometeron a manter unha liña de diálogo e colaboración institucional por riba dos distintos cores políticos que rexen na Xunta e no Concello.