Delegadas/os da CIG no sector da conserva reclaman un convenio galego que garanta dereitos e condicións laborais

Información
Conservas 13 Abril 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image
16-04-12 ConcentracionConvenioConserva_05Realizaron unha concentración diante dos edificios da Xunta de Galiza en Vigo
 
Delegadas e delegados da CIG no sector da conserva concentráronse este martes diante dos edificios da Xunta en Vigo en demanda dun convenio colectivo de ámbito galego que garanta as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores, fronte aos recortes que pretende impor a patronal. Rosa Abuín, responsábel nacional do sector, lembrou que as negociacións  do convenio estatal levan abertas un ano pero “están totalmente  paralizadas”.
 

“Isto demostra que nin a patronal nin as organización sindicais españolas apostan polo sector galego. Por iso, a única vía para termos unhas condicións xustas e dignas pasa por un convenio de ámbito galego”, aseverou.

A sindicalista lamentou que a CIG sexa a única organización que acode ás negociacións en Madrid a defender un sector produtivo básico para o noso país como o da conserva. De feito, subliñou, o 80% da produción está en Galiza e, segundo os datos de ANFACO, o 70% da importación faise dende Galiza.

Sector fortemente subvencionado

Durante a protesta, Abuín denunciou que a conserva está fortemente subvencionada polas distintas administración, incluída a Xunta de Galiza, mais iso “non repercute para nada nas condicións laborais das traballadoras e traballadores”.

Por esta razón, instou a Xunta de Galiza a que cando outorgue axudas “se preocupe porque os/as traballadores/as, que son parte fundamental do sector, tamén saian beneficiados”. “Non podemos ter un sector tan subvencionado e cun convenio colectivo tan miserento”, afirmou.

Con ironía, a sindicalista engadía que a patronal acaba de informar que investiu 25 millóns de euros en I+D+I “pero as condicións ás que nos queren levar son as do século XIX”.

A patronal quere un convenio á baixa

Sobre isto, advertiu que nestas negociacións as agrupacións empresariais buscan que se traballe de luns a domingo, incrementar a xornada durante a vixencia do convenio, manter a discriminación salariais entre homes e mulleres, eliminar o plus de antigüidade ou aumentar a bolsa de horas de libre disposición. No tocante ás melloras económicas, o empresariado ofrece unha suba salarial miserenta “que non chega nin ao 0.5%”.

“Este sector non se veu afectado pola crise, senón todo o contrario, e a propia patronal recoñece que está aumentando beneficios. Non entendemos entón por que non avanza nas negociacións e busca un convenio á baixa, recortando dereitos que tiñamos recoñecidos”, indicou Abuín.

Así as cousas, concluíu, “a CIG non vai permitir que este convenio se asine coas condicións que pretende a patronal e seguirá reivindicando a negociación dun convenio galego”.