José Ramón Val denuncia “os novos incumprimentos” do goberno galego e lamenta que os usuarios paguen taxas por instalacións pouco operativas no Porto de Foz

Información
Puertos 03 Febrero 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, considerou hoxe “escapista” a postura da Xunta con respecto ao porto de Foz, ao non concretar de novo o goberno galego prazos para o seu dragado e o aumento de amarres.


“É un engano a Foz e aos usuarios do seu porto, que pagan taxas por unhas instalacións que son pouco operativas”, denunciou Val en comisión parlamentaria ante a falla de concreción dos prazos das obras por parte do presidente de Portos de Galicia, Juan Durán.


O PSdeG critica o retraso sine die do dragado das instalacións e o aumento en 40 amarres. “Hai catro meses xa falamos deste tema en comisión, pero aínda non sabemos onde estará o novo punto de vertidos e cando usará a Xunta os 170.000 euros incluídos nos Orzamentos de 2016 para as reformas”, afirmou o deputado socialista. Unha vez mais, dixo Val, “o goberno galego engana aos usuarios do porto e non asume os seus compromisos”.

Do mesmo xeito, puxo de manifesto a negativa do goberno galego a abordar unha modificación normativa para aumentar a bonificación por baixo calado a todos os usuarios e non só aos propietarios das embarcacións de menos de seis metros de eslora e 25HP de potencia. Val lembrou que o PSdeG plantexou unha emenda a esta taxa recollida na lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2016 que foi rexeitada polo Partido Popular.


O deputado mariñan lamentou o menosprezo constante do Presidente de Portos de Galicia cos portos mariñanos e en concreto co da vila focense.