O Concello e Gestagua recomendan un consumo eficiente para redundar no aforro de auga e previr posibles situacións de seca

Información
Galicia 24 Julio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

O Concello e Gestagua, a nova empresa de xestión do servizo público do ciclo integral da auga, veñen de presentar unha campaña "de divulgación do uso racional da auga", en verbas do Concelleiro de Servizos, Luís Lamas. Así, tanto a administración local como a empresa queren subliñar que hai que concienciar á veciñanza sobre "o aforro no consumo do recurso", xa que "estamos a niveis de setembro" no río, explica Ramón Rada, Delegado rexional Norte de Gestagua. Ademais, nestes momentos hai unha alerta por seca hidrolóxica posta en marcha por Augas de Galicia, aínda que a campaña está deseñada dende hai tempo, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, co obxectivo de sensibilizar aos veciños e veciñas, de que "a auga tamén é un ben que se acaba", mesmo en Galicia. A iniciativa está orientada para conseguir o aforro no consumo doméstico con pequenos xestos, como non tirar lixo polo inodoro para reducir o número de descargas da cisterna, encher a lavadora e o lavalouzas en cada uso, pechar a billa ao cepillar os dentes, afeitarse ou fregar a vaixela, regar nas horas menos calorosas aproveitando auga sobrante ou de choiva, evitar as fugas nas canalizacións ou non lavar o coche na rúa cunha mangueira, senón con cubo e esponxa ou fregona. Con estas accións, pódese pasar de un consumo diario por persoa de 1.000 a 200 litros de auga. Segundo explica Ferrero, o Concello controla de forma cotiá o nivel da auga do río, e, aínda que polo momento "non estamos esgotando a nosa capacidade de captación" hai que solicitar "un consumo responsable" por parte dos veciños e veciñas. O Alcalde explica que o Concello, polo de agora, tan só mantén a captación en horarios que non están enerxeticamente penalizados, pero que hai que tentar que isto siga así ata finais do verán. O slogan da campaña é "Máis de un billón de persoas non teñen acceso a auga potable. Aforra por eles". Ferrero tamén quixo lembrar que, unha vez rematadas as obras do Proxecto Anllóns-Bardoso de abastecemento de auga para Carballo, o municipio "non terá no futuro problemas de abastecemento nin de calidade de auga". A presentación da nova campaña tamén serviu para presentar a Gestagua como a empresa que asumirá a xestión do servizo de abastecemento e subministro de auga ata xuño de 2016. Segundo explica Ramón Rada, o cambio de concesionaria realizouse de tal forma que "o servizo non se vira afectado", mantendo "a calidade e continuidade de uso as 24 horas". Explicou que o persoal da anterior empresa foi subrogado na súa totalidade e agradeceu o excelente ambiente de colaboración nos cambios que facilitaron tanto o Concello como ese mesmo persoal. Bernardo Mingo, Director da área de desenvolvemento de Gestagua, tamén subliñou que a empresa está realizando unha aposta moi forte por unha "tecnoloxía transparente de xestión" que lle permitirá ao Concello ter acceso a todos os datos necesarios para poder avaliar o servizo.

O Alcalde quixo resaltar tamén que as oficinas de Gestagua están tan só a uns 150 metros das oficinas da nova empresa, e deixamos aquí a dirección e o teléfono de contacto: