Un proxecto avanza na procura dunha maior sostibilidade das pesqueiras de cefalópodos en Europa

Información
17 Julio 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image

Reunión do proyecto Cephs and Chefs estes días pasados en Vigo

Os membros do proyecto Cephs and Chefs do que forma parte a Universidade de Santiago reuníronse estes días en Vigo para continuar avanzando na sostibilidade das pesqueiras de cefalópodos en Europa, a análise da súa cadea de valor así como a identificación de novas oportunidades de negocio e mercados nos países do norte do continente.

En ‘Cephs and Chefs’ participan varios grupos de investigación da USC; en concreto están implicados os membros do Grupo de Análise Económica dos Mercados e Institucións (AEMI) Sebastian Villasante, Manel Antelo, Pablo Pita e Joao Garcia Rodrigues e o profesor Jacobo Feás, do grupo Valoración Financeira Aplicada (VALFINAP). O seu obxectivo consiste en desenvolver técnicas e ferramentas prácticas para as administracións e a industria pesqueira con vistas a coñecer as características da cadea de valor, tales como os prezos dos cefalópodos, os actores involucrados, o emprego xerado, os perfís dos consumidores e as barreiras e oportunidades de negocio para os produtores e comercializadores.



Nesta primeira reunión semestral –a seguinte será en Santiago a comezos de 2019– dende a USC deseñouse un protocolo de recollida de datos e estandarización para a análise de cadeas de valor no sector pesqueiro. Ese protocolo aplicarase en diversas pesqueiras de cefalópodos ou da flota que opera en portos do espazo atlántico europeo como as galegas de polbo en Bueu e Ribeira, a certificada polo Marine Stewardship Council en Asturias ou a de pota (Illex argentinus) de Malvinas/Falkland Islands, no Océano Sudoccidental“, esta última a pesqueira de cefalópodos mellor xestionada do mundo”, asegura o profesor Villasante.

Insuficiente oferta de polbo en Galicia
Os investigadores galegos están investigando a oferta total de polbo (Octopus vulgaris) en Galicia, que inclúe o volume e valor da produción local nas rías galegas e as importacións e exportacións desde ou cara a Galicia e a calquera parte do mundo tanto fresco coma conxelado ou en conserva. Polo de agora, os resultados indican que esa oferta (2.500 toneladas en 2017) non é capaz de satisfacer a crecente demanda deste produto dos comercializadores galegos debido ao aumento do seu consumo “non só no resto de España e da Unión Europea senón tamén no mercado estadounidense”, explica Villasante.

O maior volume de importacións procede do polbo conxelado (7.100 toneladas en 2017) por valor de 54 millóns de euros, seguido do polbo fresco (700 toneladas por valor de 3 millones de euros). As exportacións de polbo conxelado foron en 2017 de 22.500 toneladas por valor de 178 millóns de euros, o que supón que o sector desenvolve diferentes estratexias de adaptación para cubrir a demanda de produto nos mercados, tales como a captura de polbo e o seu transporte en estrada, ou mesmo a captura e comercialización por canles non formais, para a súa transformación e exportación. No ámbito do destino final do producto, Portugal concentra máis do 90% das importacións e exportacións de polbo fresco e conxelado, seguido de Italia, Grecia e Alemaña.