Peixe cebra para usos terapéuticos e antitumorais de compostos de orixe mariña

Información
Actualidad 07 Mayo 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image
A investigación de doutoramento realizada pola veterinaria María Roel Sánchez baixo o título ‘ Estudo dos efectos biolóxicos de biomoléculas de orixe mariña sobre cultivos de células humanas e modelos animais de enfermidades humanas, proba as potencialidades que presentan determinados compostos mariños para usos terapéuticos e incluso como inhibidores de tumores.


María Roel Sánchez, na Facultade de Veterinaria de Lugo 

A investigación de doutoramento desenvolvida por Roel Sánchez baixo a dirección do catedrático de Farmacoloxía da USC na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, Luis M. Botana, e de Juan Andrés Rubiolo, investigador do grupo de xenética Acuigen, encádrase no marco do proxecto europeo Baambo, unha liña investigación financiada ao abeiro do VII Programa Marco e rematada hai xa dous anos na que tamén tivo un protagonismo activo a USC.

 

 

O proxecto Bammbo naceu co obxectivo primordinal de estudar organismo mariños procedentes de diversos lugares do mundo a fin de analizar a súa capacidade de produción sustentable de compostos de alto valor engadido para o seu uso nos sectores farmacéutico, cosmético e industrial. Daquela, esta actuación de I+d+i centrou as súas pescudas na análise e avaliación de potenciais usos, prestacións e aproveitamentos de moitos microorganismos, tales como bacterias, fungos, esponxas, microalgas, macroalgas e, entre outros, fermentos.

 

Nesta liña de traballo e logo de estudar non poucos organismos mariños, María Roel Sánchez focalizou as súas pescudas nos compostos da familia das crambinas e crambescinas, organismos obtidos en Niza a partir da esponxa Crambe. Estes compostos teñen especial interese polos seus efectos como inhibidores tumorais, tal e como comprobou a propia investigadora nos experimentos realizados en peixe cebra.

 

Alén das prestacións que ofrecen estes microorganismos mariños como antitumorais, un achádego xa obxecto de solicitude de patente por parte dunha compañía farmacéutica, os compostos mariños cuxo estudo centrou a investigación de doutoramento de Roel Sánchez tamén presentan aptitudes para ser empregados noutro tipo de tratamentos, como podería ser para a hipertensión, segundo conclúe esta investigadora.

 

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC Juan Ignacio Ramos Martínez presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada baixo o título ‘ Estudo dos efectos biolóxicos de biomoléculas de orixe mariña sobre cultivos de células humanas e modelos animais de enfermidades humanas’. O profesor e investigador do Centro Interdisciplinario de Investigación Mariña e Ambiental (Ciimar) da Universidade de Porto, Ralf Ubatsa e a doutora en Bioloxía e investigadora de Laboratorio Cifga, Eva Cagide, completaron un xurado que acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación de doutoramento realizada por María Roel.