534.000 euros na mellora do acceso á praia de Lago e a creación dun sendeiro xacobeo en Muxía

Información
Actualidad 31 Julio 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image
A Deputación da Coruña investirá 534.000 euros na mellora do acceso á praia de Lago e a creación dun sendeiro xacobeo en MuxíaO proxecto inclúe a pavimentación e ampliación da estrada ata os 5,5 metros de ancho e a creación dun sendeiro peonil de 1,4 quilómetros para os centos de peregrinos que cada día transitan pola zona As obras mellorarán a seguridade do acceso á praia de Lago e aos núcleos de Leis en Merexo

 

O pleno da Deputación da Coruña aprobou onte, por unanimidade de todos os grupos políticos, un proxecto para mellorar a estrada municipal que da acceso á praia de Lago e aos núcleos de Leis e Merexo, en Muxía, e crear un sendeiro xacobeo que permitirá aos peregrinos facer este tramo do Camiño en mellores condicións de comodidade e seguridade. As obras suporán un importante investimento de 534.769,88 euros, dos que o 37% (200.000 €) serán achegados pola institución provincial a través do convenio de colaboración co Concello de Muxía aprobado na sesión plenaria deste venres; 295.598,35 € serán financiados con cargo ao Plan Único (POS+2018) da Deputación e os restantes 39.171,53 € serán financiados con fondos propios do concello. A estrada, cunha extensión total de 3,7 quilómetros de lonxitude, conecta o lugar de Os Muíños coas praias de Lago e Leis, unhas das de maior afluencia de visitantes da comarca e conta nas súas inmediacións con varios establecementos dedicados ao turismo e a hostalaría. Pola zona ademais transitan a diario centos de peregrinos, xa que o itinerario forma parte da ruta xacobea que desemboca no santuario da Virxe da Barca. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Muxía, Félix Porto, coincidiron en subliñar a importancia e a necesidade do proxecto, xa que o firme actual da estrada sofre un importante deterioro debido ao levantamento do pavimento pola acción das raíces das árbores lindeiras e é necesario mellorar as condicións de seguridade de vehículos e peóns nun vial tan transitado que forma parte do Camiño. Sendeiro xacobeo e ampliación da estrada As obras comezarán coa construción dunha pequena glorieta no lugar de entronque deste vial municipal coa estrada autonómica AC-440, dende onde partirá un sendeiro xacobeo de carácter peonil que se estenderá nun tramo de 1.400 metros pola marxe dereita da calzada conectando os núcleos de Merexo e Os Muíños. Este sendeiro peonil estará configurado con lastros de formigón envellecido, cun acabado especial que reproducirá a textura e aspecto do antigo pavimento románico, buscando a súa perfecta integración na paraxe rural na que se sitúa. Tamén se mellorarán as condicións de seguridade do tráfico rodado na zona, ampliando a anchura da estrada ata os 5,50 metros, eliminando as elevacións e desperfectos existentes no pavimento e dotándoa dun novo firme a base de grava, aglomerado en quente de 6 cm de espesor e rego de adherencia superficial. O proxecto inclúe tamén a roza e limpeza das marxes do vial, a instalación 600 metros de cuneta revestida de formigón, 300 metros de canalizacións e 15 sumidoiros para a recollida de pluviais, así como a sinalización horizontal de pasos de peóns e sinais de circulación.